Pestanas principais

Inscríbete na primeira edición do Dépor Campus de fútbol de Bertamiráns

Mércores, 04 de maio de 2016

[04-05-2016] O Dépor Campus terá lugar entre os días 4 e 15 de xullo no campo de fútbol municipal de Bertamiráns. O Campus dividirase en dúas quendas, a primeira do luns 4 ao venres 8 de xullo, e a segunda do luns 11 ao venres 15. Ambas quendas terán un horario de 10:00 a 14:00 horas. No Dépor Campus poden inscribirse nenas e nenos de entre 6 e 15 anos, tanto do Bertamiráns FC como xogadores e xogadoras doutros clubs. Foi o Bertamiráns FC o que fixo a petición expresa de incluír a deportistas de 15 anos, xa que habitualmente a idade límite para participar son os 14 anos. Os técnicos do RC Deportivo conducirán todas as sesións e aos rapaces e rapazas participantes entregaráselles unha equipación consistente nun pantalón, unha camiseta e un par de medias.

Para inscribirse no Dépor Campus de Bertamiráns é preciso cubrir a formulario que se pode descargar na ligazón da dereita. Na propia folla de inscrición especifícase como realizar o pagamento do campus. O xustificante do pagamento, a folla de inscrición e unha fotografía deberán ser enviados ao enderezo electrónico campusbertamirans@canaldeportivo.com.

O custe do campus é de 120 euros -100 con desconto- para unha semana e de 220 euros -180 euros con desconto- por dúas semanas. As persoas con desconto son aquelas socias ou accionistas do RC Deportivo, xogadores ou xogadoras do Bertamiráns FC, familias con dous membros en paro ou familias que inscriban a máis dun fillo ou filla. Neste último aplicaráselle o desconto a cada unha das persoas participantes. O prezo da matrícula inclúe, ademais do equipamento, un seguro de accidentes deportivos e o almorzo.

Aquelas persoas que queiran obter máis información ou teñan algunha dúbida pódena resolver escribindo ao enderezo campusbertamirans@canaldeportivo.com, nas páxinas web www.canaldeportivo.com - www.bertamiransfc.com ou chamando ao teléfono 620 875 369.