Pestanas principais

Inscríbete na marcha ciclista nocturna da Semana Europea da Mobilidade

Mércores, 18 de setembro de 2019

O Concello de Ames está realizando ao longo desta semana unha serie de actividades para conmemorar a Semana Europea da Mobilidade (SEM) 2019, que se celebra do 16 ao 22 de setembro baixo o lema “Camiña e pedalea de maneira segura”. Deste xeito, dende a Concellaría de Mobilidade anímase á veciñanza a que participe este venres, 20 de setembro, ás 22.00 horas, na marcha ciclista nocturna con saída e chegada na Praza do Concello, e que pasará pola Condomiña, Sisalde e Agro do Muíño. Aínda que non é obrigatorio inscribirse, recoméndase facelo para ter unha previsión dos asistentes. Para iso hai que enviar un correo electrónico ao enderezo: mobilidade@concellodeames.gal.

O programa deseñado polo Concello de Ames para conmemorar a Semana Europea da Mobilidade (SEM) 2019 inclúe diferentes iniciativas. Así, este pasado luns, 16 de setembro, desenvolveuse o Parking Day, unha actividade reivindicativa do espazo público que consistiu en crear un xardín efémero por un día nunha praza de aparcamento. Esta actividade fíxose no Milladoiro, na rúa das Palmeiras, e en Bertamiráns, na rúa Pesqueiras.

Durante a semana tamén se imparten charlas nos IES do concello baixo o título: “Conducir sen riscos, seguridade para todos” e “Como actuar ante un accidente de tráfico”. Ademais, organizouse un concurso de debuxo para rapaces e rapazas de 3 a 6 anos có slogan: “Como te desprazas polo teu concello”.

Por outra banda, durante a fin de semana haberá marchas ciclistas, actividades de seguridade viaria e andainas. Deste xeito, o venres 20, pola tarde, os/as membros da Agrupación de Protección Civil de Ames impartirán un obradoiro no que se simulará un accidente de bicicleta e se impartirán nocións de como facer unha inmobilización e de primeiros auxilios. Será ás 19:00 horas no aparcamento da Casa da Cultura do Milladoiro.

Marcha ciclista nocturna
Ademais, o venres, 20 de setembro, ás 22:00 horas, farase unha marcha ciclista nocturna con saída e chegada na Praza do Concello, e pasando pola Condomiña, Sisalde e Agro do Muíño. Aínda que non é obrigatorio inscribirse, recoméndase facelo para ter unha previsión dos asistentes. Para iso hai que enviar un correo electrónico ao enderezo: mobilidade@concellodeames.gal.

O sábado, 21 de setembro, os/as axentes da Policía Local impartirán unha actividade de seguridade viaria denominada “Conduce seguro en bicicleta pola cidade”, que estará dirixida a rapaces e rapazas que teñan de 6 anos en diante. Os rapaces e rapazas que desexen participar terán que levar a súa bicicleta e mailo casco. Este obradoiro desenvolverase na rúa das Palmeiras, no Milladoiro, entre as 11:00 e ás 13:00 horas. Para a tarde do sábado está prevista unha marcha familiar en patinete, patíns, skate ou camiñando, que se desenvolverá polo paseo fluvial de Bertamiráns e rematará na praza do Concello, a partir das 18:00 horas.

Andaina saudable
Por último, o domingo 22 de setembro, desenvolverase unha andaina saudable pola senda verde que conecta as localidades de Bertamiráns e do Milladoiro a partir das 10:30 horas. A saída será dende a Igrexa nova do Milladoiro e haberá servizo de autobús á ida, desde a Praza do Concello en Bertamiráns, ás 10:00 horas, e á volta dende o Milladoiro sobre as 14:00 horas.

Os/as participantes terán que percorrer arredor de sete quilómetros nos que poderán gozar de paraxes de singular beleza, lugares de interese histórico local, núcleos de poboación tradicionais e elementos de carácter etnográfico e relixioso. Para participar desta andaina é preciso inscribirse antes das 14:00 horas do próximo xoves, 19 de setembro. Pódese facer a través do correo electrónico servizos_sociaisberta@concellodeames.gal ou no teléfono 981 890 964.

A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, indica que “a Semana Europea da Mobilidade é unha campaña dirixida a sensibilizar á veciñanza sobre as consecuencias negativas que ten o uso irracional do coche, tanto para a saúde pública como para o medio ambiente, e os beneficios do uso de modos de transporte máis sustentables como o transporte público, a bicicleta e as viaxes a pé. As actividades postas en marcha por primeira vez este ano teñen o obxectivo de  fomentar a mobilidade sostible, circular e camiñar de forma segura, e impartir nocións  de seguridade viaria entre a mocidade”.

Imaxe da semana da bicicleta

Multimedia

  • Cartel da Semana Europea da Mobilidade
  • Imaxe da actividade do Parking Day