Pestanas principais

Inscríbete na marcha ciclista nocturna da II Semana Europea da Mobilidade

Luns, 14 de setembro de 2020

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Mobilidade, organizou unha programación específica para conmemorar a II Semana Europea da Mobilidade. Ditas actividades desenvolveranse en Ames do 16 ao 22 de setembro. Deste xeito, durante a próxima fin de semana haberá unha marcha ciclista nocturna; actividades e xogos populares en bici; e unha andaina pola senda O Milladoiro – Bertamiráns. Para participar nesta actividades é necesario inscribirse previamente.

O Concello de Ames celebra do 16 ao 22 de setembro a II Semana Europea da Mobilidade. Unha das actividades previstas dentro de dita programación é a marcha ciclista nocturna, prevista para o ventes 18 de setembro, ás 22.00 horas. Deste xeito, farase un percorrido de 8 quilómetros con boa iluminación e fácil percorrido, pensado para que nela poida participar toda a familia. Para participar nesta actividade é necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo mobilidade@concellodeames.gal. Ofértanse un máximo de 75 prazas para participar neste actividade. A cada participante entregaráselle de agasallo unha camiseta.

O percorrido partirá da praza do Concello, para a continuación pasar pola rúa Alcalde Lorenzo, estrada DP-0205, urbanización do Agro do Muíño, Ribeira de Maguxe, rúa Revolteada, rúa Tras do Muíño, estrada DP-0205, Bertamiráns, rúa Entrerríos, estrada de Lapido, avenida da Maía, camiño do Lodeiro, rúa Cómaro, rúa Camiño Novo, avenida José Luis Azcárraga, Travesía da Peregrina, rúa Rueiro, Travesía do Rueiro, avenida da Maía, rúa Alcalde Lorenzo, ata chegar de novo á praza do Concello.

Para previr aglomeracións no punto de saída e chegada, debido á pandemia da Covid-19, establecéronse tres zonas de espera na praza do Concello, que estarán diferenciadas en tres cores: azul, amarelo e verde. Ás persoas inscritas asignaráselle unha cor que corresponderá coa zona de espera á que teñen que acceder mentres agardan a saída. En cada zona poderán acceder como máximo 25 persoas, sempre coa máscara posta. Ademais, haberá persoal de Protección Civil nos puntos de acceso de cada zona con xel hidroalcólico para que os/as participantes boten nas súas mans antes de acceder.

Actividades e xogos populares en bici
A programación continúa o sábado, 19 de setembro, con actividades e xogos populares en bicicleta, que están dirixidos aos nenos e nenas de 4 aos 12 anos. Estas actividades realizaranse no aparcamento da rúa Palmeiras, no Milladoiro. Cada neno e nenas que participen deberán levar a súa propia bicicleta, casco e máscara. Tamén haberá persoal de Protección Civil con xel hidroalcólico para que cada persoa participante desinfecte as mans e se cumpran as normas de hixiene para previr a Covid-19. Para participar nesta actividade é necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo mobilidade@concellodeames.gal.

Cartel informativo da marcha ciclista nocturna

Multimedia

  • Cartel informativo da marcha ciclista nocturna