Pestanas principais

Inscríbete e participa nas diferentes actividades programadas para a XI Festa da Natureza de Ames

Mércores, 14 de xuño de 2017

[14-06-2017] O Concello de Ames celebra este domingo,18 de xuño, a XI Festa da Natureza. A xornada estará chea de actividades e desenvolverase na praia Fluvial de Tapia, desde as 11:00 ata as 20:00 horas. Ao longo do día poderase gozar de diferentes obradoiros, xogos, exposicións, dunha andaina e mesmo dunha actividade de piragüismo. Haberá servizo de autobuses de ida e volta, tanto desde O Milladoiro como desde Bertamiráns. As reservas para o servizo de autobuses ou para os obradoiros débense realizar a través do teléfono 660 004 665 ou da dirección de email auladanatureza@concellodeames.gal

Este domingo, 18 de xuño, celébrase unha nova edición da Festa da Natureza do Concello de Ames, con obradoiros didácticos, xogos e espectáculos, entre outras actividades. Así, dende as 11:00 ata as 18:00 horas haberá actividades de astronomía a carón do río, co Observatorio Astronómico Ramón María Aller, cunha observación solar e coa construción dun reloxo de sol. Ademais, de 12:00 a 18:00 horas desenvolverase a Feira do Sol, con obradoiros de cociña solar, xogos con electricidade, un pirogravador solar e instalacións solares térmicas. A feira tamén incluirá unha exposición de pequenos enxeños solares.

Na Feira do Sol, que é un das principais actividades que se realizan na Festa da Natureza, impartiranse catro obradoiros didácticos, sobre os usos da enerxía solar. O primeiro será o de Cociña Solar (exposición, demostración e degustación), o segundo denomínase Xogamos coa electricidade (usos de placas fotovoltaicas para o montaxe de pequenas instalacións); no terceiro abordarase a instalacións solares térmicas, e no cuarto traballarase cun pirogravador solar. O quinto e último obradoiro xirará arredor dunha exposición de pequenos enxeños solares. Asemade, haberá tres exposicións sobre a cociña solar, a pegada ecolóxica e a introdución á enerxía solar.

A xornada continúa cunha Andaina polo Rego Andoriña, que se se desenvolverá entre as 11:00 e as 12:30 horas. Tamén desde as 11:00h da mañá, e ao longo de dúas horas e media, ata as 13:30, desenvolverase unha xornada de portas abertas do club de piragüismo Ribeiras do Tambre, para que aquelas persoas que nunca practicaron este deporte podan achegarse a el, polo menos, por un día.

Despois do xantar, entre as 15:00 e as 16:00 horas, a sobremesa será cun obradoiro no que se tecerán flores e follas. Ás 16:00 horas será a oportunidade para coñecer os perfumes da natureza, cun obradoiro de hora e media sobre destilación de plantas aromáticas. Este obradoiro está destinado a persoas maiores de 16 anos e só hai 30 prazas dispoñibles, polo que se precisa de inscrición previa para participar. No mesmo horario, de 16:00 a 17:30 horas, haberá xogos para todas e todos, xogos tradicionais e colectivos.

Obradoiro de pesca sen morte
A partir desta hora, das 17:30 horas, e ata as 19:00 horas, será a quenda das gardiás e dos gardiáns do río, a través dun obradoiro de pesca sen morte destinado a todos os públicos. A través desta actividade inténtase fomentar a pesca e que as persoas que se inicien neste deporte o fagan na modalidade de pesca sen morte. Un experto explicara lle aos participantes diferentes técnicas de pesca e falará dos diferentes tipos de moscas, anzois e lances. O Concello conta para esta actividade cos permisos de pesca correspondentes, que foron cedidos por Tecor de Ames, e co consentimento da Xunta de Galicia.

Por outra banda, de 18:00 a 19:00 horas haberá outro obradoiro de recolla de herbas de San Xoán, onde se aprenderá tamén sobre as propiedades de cada herba e a elaboración de ramalletes. Neste caso, o obradoiro tamén conta con 30 prazas e para participar nel é preciso inscribirse previamente. A xornada finalizará ás 19:00, cunha actividade de iniciación ao Taichí, que se desenvolverá ata as 20:00 horas.

Para achegarse ata a praia fluvial de Tapia haberá servizo de autobuses, tanto dende O Milladoiro coma dende Bertamiráns. A saída será ás 10:30 desde a Casa da Cultura do Milladoiro e ás 10:45 desde a praza do Concello de Bertamiráns (ao lado da parada de taxis). O regreso será ás 20:15 desde a propia praia fluvial de Tapia.

As reservas para o servizo de autobús e para os obradoiros, que precisan inscrición previa, teñen que ser realizadas chamando ao número de teléfono 660 004 665 ou enviando un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Todas as inscricións deben ser realizadas en horario de 9:00 a 14:00 horas, ata este venres 16 de xuño.