Pestanas principais

Inma López Silva presenta a súa premiada novela “O libro da filla” no terceiro encontro literario de marzo

Martes, 15 de marzo de 2022

Continúan en marzo os encontros literarios do Departamento de Bibliotecas, nesta ocasión con Inma López Silva e a súa novela “O libro da filla”, Premio da Asociación de Críticos Literarios 2020. A presentación terá lugar o mércores 16 de marzo, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 20:30 horas. A autora será presentada polo profesor, autor e crítico literario Xosé Antón López Silva, e acompañada pola concelleira de Cultura, Natividade González. O evento, con entrada libre ata completar aforo, é parte da programación do 8M do Concello de Ames.

Con este terceiro encontro literario neste mes, as bibliotecas de Ames pechan unha serie de encontros literarios promovidos co gallo da conmemoración do 8M. Deste xeito, pasaron polo Pazo da Peregrina de Bertamiráns a escritora amesá Ana Veiga e parte do equipo da revista MujerArt Magazine.

“O libro da filla”, publicado por Editorial Galaxia e Lumen a comezos de 2020, é un thriller protagonizado por Helena Sánchez, unha prestixiosa xornalista que acepta elaborar unha reportaxe sobre o caso de Fernando, un condenado por agresión sexual á súa filla e que asegura ser vítima dun complot da súa ex-muller. A investigación xornalística é o punto de partida para afondar nas vidas das familias implicadas, os conflitos amorosos e a irrupción do totalitarismo do mesmo xeito que crece na sociedade, para mostrarnos o peor da condición humana.

Inma López Silva (Santiago de Compostela, 1978) é unha escritora e crítica teatral galega. Licenciada e Doutorada en Filoloxía Galega, na actualidade é profesora na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Ademais de ser columnista habitual de La Voz de Galicia, López Silva foi recoñecida en varias ocasións cos premios de maior prestixio da literatura galega. Levou o Premio Xerais 2002 por “Concubinas”, o Premio Blanco Amor 2007 por “Memoria de cidades sen luz” ou o Premio da Crítica de narrativa galega 2020 polo propio “O libro da filla”.

O encontro literario estará presentado polo profesor, autor e crítico literario Xosé Antón López Silva. Ademais, acompañará á autora a concelleira de Cultura, Natividade González.

A programación ao completo dos actos do 8M en Ames pódese consultar premendo nesta ligazón.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "López Silva presentará a súa obra ‘O libro da filla’"

Inma López Silva presenta a súa premiada novela “O libro da filla” no terceiro encontro literario de marzo

Multimedia

  • Inma López Silva presenta a súa premiada novela “O libro da filla” no terceiro encontro literario de marzo