Pestanas principais

A iniciativa “Merca e Tapea” remata con 2.900 compras e 2.000 degustacións de tapas

Xoves, 11 de xullo de 2013

[11-07-2013] Unha vez rematada a iniciativa “Merca e Tapea” toca facer balance. Os datos facilitados pola Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro son moi satisfactorios xa que entre o 10 e o 16 de xuño realizáronse 2.900 compras nos comercios do Milladoiro e degustáronse un total de 2.000 tapas nos locais hostaleiros desta mesma localidade. A través desta iniciativa, os comercios do Milladoiro ofreceron importantes descontos, mentres que os locais hostaleiros ofreceron saborosas tapas ao módico prezo de 1,50 euros. Con esta actuación pretendeuse impulsar o sector hostaleiro e comercial local.

Entrega de premios
O pasado mércores, 3 de xullo, o concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, e a presidenta da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro, Dolores Mella, foron os encargados de entregarlle os premios a todos os clientes que realizaron algunha compra e saíron agraciados no sorteo. Cómpre destacar que un dos mellores agasallos que se sortearon foi un televisión de 32 pulgadas por xentileza de TIEN 21- Angueira.

Ademais deste premio sorteáronse moitos máis como vales de lavado, corte e peiteado; un mes de clases de pintura; unha cesta de froita; un tratamento facial, etc. Para participar no sorteo de agasallos houbo que realizar algunha compra nos comercios adheridos ao evento “Merca” ou completar o libriño da ruta das tapas “Tapea”.

O concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, agradeceu o esforzo da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro por poñer en marcha esta novidosa iniciativa. Ademais, Moar, engadiu que “a través desta iniciativa demostrouse que comercio e hostalaría poden ir da man co obxectivo de impulsar e dinamizar o tecido empresarial do Milladoiro”. O concelleiro de Promoción Económica rematou dicindo “esperemos que esta iniciativa se volva a repetir o próximo ano e que saía igual de ben”.

A iniciativa “Merca e Tapea” estivo divida en dúas partes. Por unha banda, desenvolveuse o evento “Merca”, con descontos e promocións nas tendas, e por outra parte realizouse a ruta de tapas denominada “Tapea”. O evento “Merca” tivo lugar do 10 ao 15 de xuño e nel colaboraron 52 comercios do Milladoiro, que ofreceron descontos e promocións nos seus produtos. Durante estes 6 días realizáronse un total de 2.900 compras nos comercios do Milladoiro.

Estes datos son moi satisfactorios, xa que ampliaron os que se conseguiron na Festa do Comercio e no Roteiro dos Petiscos, que se celebrou en Bertamiráns entre os días 9 e 18 de novembro. Na Festa do Comercio houbo arredor de 2.500 persoas que realización algunha compra nos comercios de Bertamiráns, mentres que na iniciativa “Merca e Tapea”, que se desenvolveu no Milladoiro, producíronse un total de 2.900 compras.

Por outra banda, o evento “Tapea” tivo lugar do xoves 13 ao domingo 16 de xuño e nel colaboraron 14 establecementos hostaleiros. Durante eses 4 días a veciñanza amiense degustou un total de 2.000 tapas. O custe do petisco foi de 1,50 euros. Unha vez contabilizados os votos da clientela deuse a coñecer o nome dos tres establecementos gañadores. A Cervexería Gallaecia levou o primeiro premio pola tapa “Pemento de padrón recheo de queixo e xamón aderezado”. O segundo premio foi para o Café-Bar El Pilón gracias á tapa de “Muslitos recheos”. Mentres que o terceiro premio recaeu na Cafetería Euro 2001 pola tapa “Tosta con queixo de cabra e cebola caramelizada”.