Pestanas principais

A iniciativa Literatura na Praza celébrase este sábado en Bertamiráns

Mércores, 18 de abril de 2018

[18-04-2018] O Concello de Ames está a conmemorar a Semana do Libro cunha ampla programación de actividades que rematarán este sábado, 21 de abril, coa celebración da iniciativa “Literatura na Praza”. Ao longo da xornada desenvolveranse unha ducia de actividades, entre as que se inclúen a presentación do libro do XIV Certame Literario Concello de Ames. Desta maneira, a partir das 17:00 horas, a praza do Concello de Bertamiráns acollerá a realización dun obradoiro, a exposición, venda e presentación de libros e o desenvolvemento de varios espectáculos musicais e poéticos.

O acto central da Semana do Libro de Ames celebrarase este sábado, 21 de abril, na praza do Concello de Bertamiráns, entre as 17:00h e as 20:30 horas. Ao longo da tarde, haberá exposición e venda de libros e xogos de mesa da man de Follas Novas, Alita Cómics e Brazolinda. Así mesmo, tamén haberá un “Recuncho dos Libros”, onde se poderá ver unha mostra bibliográfica do Día do Libro, das letras, banda deseñada...

Ás 17:00 horas desenvolveranse as primeiras actividades da tarde, coa realización do obradoiro “Reciclando Letras” e coa presentación do libro antolóxico dos textos gañadores do XIV Certame Literario Concello de Ames. Ás 18:00 horas terá lugar o contacontos teatralizado Chocolate, que correrá a cargo da compañía Teatro Calavera. O espectáculo poético musical Cría fama e bótate a correr de Aldaolado tamén se realizará a esta hora. Ademais, simultaneamente, ás 18:00 horas, tamén terá lugar a presentación do libro Pon un psiquiatra na túa vida e xa verás da autora Úrsula Heinze.

As últimas actividades da tarde realizaranse ás 19:00 horas, coa presentación do libro Os fíos de infantil de Ángeles e Isabel Abelleira Barcanda e co desenvolvemento do espectáculo musical Pakolas, contos, cores e Rock `n`Roll, no que se crearán en directo debuxos con cores que acompañarán ás cancións.