Pestanas principais

Iníciase o proceso de contratación de dúas obras incluídas no POS 2011 que teñen un custo de 223.828,20 euros

Xoves, 21 de abril de 2011

[21-04-2011] A Xunta de Goberno local acaba de aprobar o inicio do expediente de contratación de dúas obras de saneamento e abastecemento de auga potable nos lugares de Guimaráns e Tarrío, pertencentes á parroquia de Bugallido, que están incluídas no POS 2011. Estas obras teñen un custo de 223.828,20 euros. No Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial 2011 tamén se incluíu a pavimentación do camiño que vai da Ponte Maceira a Carballo pasando por Trasmonte. Por outra parte no POS complementario inclúese unha actuación mediante a que se ampliará o saneamento en Ponte Loureiros, pertencente á parroquia de Covas. A contía asignada ao Concello de Ames, dentro do Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial 2011, ascende a 474.708,53 euros. O 50% desta contía, 237.354,26 euros, está dedicada a sufragar o gasto corrente.

O goberno municipal optou por seguir estendendo a rede de saneamento a través do POS 2011 en dous lugares da parroquia de Bugallido, o que dá continuidade a outras actuacións executadas noutras parroquia do municipio. Ademais, optouse por un reparto de distintas actuacións en diferentes parroquias, incidindo especialmente no acondicionamento e pavimentación de camiños e estradas. Por outra banda, no POS 2011, a Deputación da Coruña permitiu destinar o 50% da contía asignada ao Concello de Ames para sufragar o gasto corrente. A contía asignada ao Concello de Ames, dentro do POS 2011, ascende a 474.708,53 euros.

Deste xeito, as obras que se financiarán con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial son dous proxectos de saneamento e abastecemento de auga potable nos lugares de Guimaráns e Tarrío, pertencentes á parroquia de Bugallido, e a pavimentación do camiño que vai da Ponte Maceira a Carballo pasando por Trasmonte. Neste momento iníciase o proceso de contratación das dúas obras de saneamento e abastecemento de auga potable, mentres o departamento municipal de Contratación está pendente de recibir unha autorización da Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia para poder iniciar o expediente de licitación da obra de pavimentación do camiño que vai da Ponte Maceira a Carballo pasando por Trasmonte.

Por outra parte no POS complementario inclúese unha actuación mediante a que se ampliará o saneamento en Ponte Loureiros, pertencente á parroquia de Covas. Polo tanto, se temos en conta o POS principal investiranse 254.354 euros para a realización de diferentes obras municipais. Mentres que se engadimos a obra recollida do POS complementario increméntase esta contía chegando aos 315.000 euros. Dos 254.354 euros, a Deputación Provincial da Coruña achega 237.354 euros e o Concello 17.000 euros, xa que a Administración local debe poñer o 5% do importe total.

Saneamento e abastecemento en Tarrío

O proxecto de ampliación da rede de saneamento e abastecemento de auga en Tarrío recolle a canalización de 640 metros de tubaria de PVC para saneamento, dos que 580 metros son de 250 mm. de diámetro e os 60 restantes teñen 160 mm. de grosor. Ademais executarase a canalización de 640 metros de tubaria de polietileno para o abastecemento de auga potable, coa correspondentes válvulas e arquetas de aloxamento, dos cales 250 metros disporán dun diámetro de 90 mm. e 10 atm. de presión; 330 metros terán 75 mm. de diámetro e 10 atm; e os 60 metros restantes contan con 32 mm. de diámetro e 10 atm. de presión. Todo elo previo a escavación dunha gabia e posterior recheo compactado da mesma.

Debido a orografía do terreo para poder continuar ca rede de saneamento é preciso a instalación dun bombeo que conecte ca rede xeral e que se contempla no presente proxecto, así como a instalación da tubaria de impulsión, acometida eléctrica e todos os elementos necesarios para o seu correcto funcionamento. Finalmente, contémplase a reposición do pavimento afectado pola execución das obras semellante ao existente. Esta obra ten un custo de 94.558,21 euros, IVE incluído.

Anulación da fosa séptica en Guimaráns

O proxecto de ampliación da rede de saneamento, abastecemento de auga potable e anulación de fosa séptica en Guimaráns recolle a canalización de 924 metros de tubaria de PVC para saneamento, dos que 450 metros son de 315 mm. de diámetro; 450 contan cun diámetro de 250 mm; e os 24 metros restantes teñen 160 mm. de grosor. Tamén se recolle a execución de 23 pozos de rexistro na calzada.

Ademais executarase a canalización de 619 metros de tubaria de polietileno para o abastecemento de auga potable, coas correspondentes válvulas e arquetas de aloxamento, dos cales 535 metros disporán dun diámetro de 90 mm. e 10 atm. de presión e os 84 metros restantes contan con 32 mm. de diámetro e 10 atm. de presión. Todo elo previo a escavación dunha gabia e posterior recheo compactado da mesma.

A fosa séptica existente presenta na actualidade moitos problemas de funcionamento. Debido a iso preténdese a súa anulación e condución ata a depuradora municipal. Para elo, debido a orografía do terreo, é necesario a instalación dun bombeo que conecte ca rede xeral. Tamén haberá que instalar unha tubaria de impulsión, acometida eléctrica e todos os elementos necesarios para o seu correcto funcionamento. Finalmente, contémplase a reposición do pavimento afectado pola execución das obras semellante ao existente. Esta obra ten un custo de 129.269,99 euros, IVE incluído.

Financiamento do gasto corrente

Por outra banda e tendo en conta a importante contía de gasto corrente que se destina ao funcionamento de servizos públicos obrigatorios como poden ser os de subministración de auga potable, rede de sumidoiros, limpeza viaria, recollida de lixo, iluminación pública, etc, e tendo en conta que a Administración local dispón de menos ingresos, mentres que segue tendo os mesmos ou máis gastos correntes que en exercicios anteriores, decidiu acollerse a opción concedida pola Deputación Provincial e destinar a contía de 237.354,26 euros ao financiamento deste tipo de gastos.

Así mesmo, débese ter en conta que está opción ocasionará un aforro no importe destinado aos gastos correntes asociados ao funcionamento dos servizos mínimos obrigatorios, e permite polo tanto que esa mesma contía se empregue para o financiamento de outro tipo de servizos de conciliación da vida laboral e familiar, educativos, sociais, sanitarios, etc, que o Concello de Ames está prestando dende hai varios anos e que supoñen un importante custo.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explicou que "o goberno municipal decidiu que o 50% da contía concedida a través do POS 2011vaise a investir en gasto corrente e o outro 50% vaise dedicar a obras municipais. Como vimos facendo nos últimos anos o POS emprégase principalmente para executar obras de saneamento e abastecemento. Deste xeito inclúense tres obras no POS principal e unha obra no POS complementario".

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames licita dos proyectos de saneamiento en el rural y concluye el de Ameixenda"