[20-09-2012] A Xunta de Goberno local acaba de aprobar o inicio do expediente de contratación das obras de mellora que se levarán a cabo na Travesía do Porto, no Milladoiro. Estes traballos, que se desenvolverán grazas ao convenio asinado recentemente coa Deputación da Coruña, teñen un custo de 67.933 euros. As obras permitirán aumentar a seguridade desta avenida para vehículos e peóns.
As actuacións previstas na Travesía do Porto comprenden un traballo previo, que abrangue o varrido e a reparación das fochancas existentes na superficie, e a posterior execución de dobre tratamento asfáltico. Posteriormente, procederase ao pintado da sinalización horizontal e do trazado de vía.
O obxectivo destes traballos é mellorar o estado e a seguridade dunha das avenidas máis importantes do Milladoiro, e que conta nos arredores cun novo centro comercial e cun centro educativo. As obras na Travesía do Porto permitirán mellorar a seguridade dos vehículos e peóns que cada día transitan por esta zona.
Dous convenios coa Deputación
Este trámite coincide coa sinatura nos últimos días de dous convenios coa Deputación da Coruña dotados con 271.050 e 110.693 euros, respectivamente, en virtude dos que, entre outros traballos, se acometerá esta mellora e acondicionamento da Travesía do Porto e a finalización da pavimentación de Lapido. Ademais, levarase a cabo o acondicionamento da Biblioteca Municipal do Milladoiro, "cumprindo así o compromiso do Goberno de dotar ao Milladoiro dunha biblioteca apta para o estudo e a lectura e en mellores condicións que a actual".
O primeiro destes convenios, que contará cun investimento provincial de 271.050,15 euros, permitirá a posta en marcha de diferentes obras que teñen que ver coa mellora de estradas, canalización de pluviais e seguridade viaria en varios puntos do Concello. Deste xeito, levarase a cabo a reparación do firme asfáltico e o pintado da Travesía do Porto no Milladoiro, uns traballos aos que se destinarán 67.933 euros e que permitirán aumentar a seguridade desta avenida para vehículos e peóns.
Ademais, en virtude deste acordo poderanse acometer os traballos de minoración da afección das avenidas do Rego dos Pasos en Bertamiráns, e a segunda fase da pavimentación interior en Lapido. O proxecto de Lapido, no que se investirán 79.212 euros, é unha obra que o anterior Goberno municipal deixou sen concluír por problemas de financiamento e que agora se rematará. Sobre estes traballos, o rexedor amiense destaca que “o actual Executivo cumpre con este convenio o compromiso de acadar unha achega económica da Deputación para a súa finalización, tal e como me comprometín cos veciños”.
O convenio coa Deputación da Coruña tamén facilitará o acondicionamento e mellora da rúa Seidón do Milladoiro, ou a canalización de pluviais e mellora de seguridade viaria no lugar de Ventín-Biduído. Esta última obra mellorará a seguridade dos peóns que circulen por esta zona e, favorecerá especialmente, á comunidade escolar de Ventín. Con este convenio coa Deputación, o Concello tamén acometerá a mellora das condicións de seguridade peonil en Biduído de Arriba, na zona do colexio Alca, e no Milladoiro. O obxectivo é garantir a seguridade dos peóns que transitan por estas vías.
O segundo convenio coa Deputación da Coruña, dotado cunha achega provincial de 110.693,24 euros, servirá para acometer as obras de ampliación da Biblioteca Municipal do Milladoiro. O rexedor amiense subliña que “se cumpre así o compromiso do Goberno de dotar o Milladoiro dunha biblioteca axeitada para o estudio e a lectura e en mellores condicións que a actual”.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Contratan las obras para el arreglo de la Travesía do Porto"
La Voz de Galicia: "Arranca en Ames el proyecto de mejora viaria en el tramo de Travesía do Porto"