[01-10-2016] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o inicio do expediente de contratación, mediante procedemento aberto, con único criterio de adxudicación (factor prezo), e tramitación ordinaria das obras de mellora da accesibilidade na Casa do Concello e nas Oficinas Xerais do Milladoiro. Trátase da primeira fase dun proxecto municipal de mellora da accesibilidade en varias instalacións municipais. Na segunda fase preténdese mellorar o edificio do Pazo da Peregrina e os que están ao seu arredor (a Casa da Froita, a Casa dos Caseiros e a Capela), así como a Biblioteca municipal do Milladoiro. As obras da primeira fase, que están incluídas no expediente de contratación aprobado, teñen un custo aproximado de 150.000 euros.
Este proxecto municipal de mellora da accesibilidade desenvolve e concreta a definición das obras de accesibilidade que se van executar en varios dos edificios públicos de Ames para adaptar á normativa vixente tanto o entorno próximo de achegamento aos edificios, o seu acceso e a utilización interior dos espazos tanto en itinerario vertical como horizontal, así como o uso dos servizos públicos para todas as persoas sen discriminación.
A través das obras que se pretenden executar na Casa do Concello vaise habilitar unha zona de aparcamento adaptado, adaptaranse os pasos de peóns máis próximos e os accesos de achegamento peonal ao edificio. Ademais, vaise instalar no exterior da Casa do Concello unha rampla e unha plataforma elevadora. No interior do edifico está previsto que se substitúa o actual ascensor por un de uso adaptado e construirase un aseo adaptado na planta baixa de uso público. Tamén se substituirán portas, mobiliario de uso público, colocarase un panel informativo adaptado e haberá axuda técnica para as persoas xordas na atención cidadá do rexistro municipal.
O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, destaca que “este goberno municipal está demostrando que aposta pola mellora da accesibilidade con feitos e que está sensibilizado cos problemas que teñen as persoas con diversidade funcional para poder moverse por Ames. Para iso pretendese desenvolver un plan de accesibilidade, que está dividido en dúas fases. En primeiro lugar queremos adaptar as instalacións, tanto exteriores como interiores, da Casa do Concello e das Oficinas xerais do Milladoiro. Nunha segunda fase abordarase a mellora das instalacións do Pazo da Peregrina e da Biblioteca municipal do Milladoiro. Este é un traballo que vamos a desenvolver durante todo o mandato e que nos fixamos como prioridade”.
Primeiro parque infantil accesible
A estas actuacións, que se abordarán nunha primeira fase sufragada con fondos do Plan de Acción Social da Deputación da Coruña, hai que engadir o proxecto de construción do primeiro parque infantil accesible do concello de Ames. Este espazo de xogo estará situado na área deportiva do Milladoiro, que se atopa ao carón da Casa da Cultura, das pistas polideportivas e da piscina municipal desta localidade. Executarase no lugar da actual pista de skate, que se trasladará á urbanización de Aldea Nova. Este proxecto, que será financiado integramente a través dun convenio subscrito coa Deputación da Coruña, terá un custo de 68.768 euros. O inicio de expediente de contratación deste proxecto foi aprobado na Xunta de Goberno Local do pasado 15 de setembro.
Tarxetas de estacionamento e accesibilidade
Por último, cómpre lembrar que o pasado 12 de abril entrou en vigor a nova ordenanza municipal reguladora das tarxetas de estacionamento e accesibilidade do Concello de Ames, que ten por obxecto regular a nivel municipal a expedición das tarxetas de estacionamento de vehículos e das tarxetas de persoas usuarias previstas nos artigos 32 e seguintes da Lei 10/2014, de 3 de decembro, de accesibilidade, co fin de favorecer a aquelas persoas con mobilidade reducida ou que teñan recoñecida unha discapacidade visual que implique un grao de limitacións na actividade igual ou superior ao 75%. Ademais, regulan o uso de transportes privados de cara a facilitar o seu estacionamento, no caso das persoas titulares da tarxeta de estacionamento, e o uso de transportes públicos, no caso de tarxetas de persoas usuarias.
Unha vez entrou en vigor dita ordenanza municipal, dende o departamento municipal de Servizos Sociais, comezouse a renovar as tarxetas de aparcamento para persoas con diversidade funcional co fin de mellorar a calidade das tarxetas de estacionamento, unificalas e facilitar a comprobación das mesmas. As tarxetas iranse renovando por anos, aínda que os usuarios pódense achegar ás dependencias de Servizos Sociais, tanto do Milladoiro como de Bertamiráns, para asinar o documento de cesión de datos e así proceder a renovación da súas tarxeta de xeito máis rápido e áxil.





