Pestanas principais

Iníciase a licitación por preto de 82.000 euros dun novo pavimento deportivo no pavillón de Bertamiráns

Luns, 29 de xaneiro de 2018

[29-01-2018] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar esta semana o inicio do expediente de contratación do proxecto de instalación dun novo pavimento deportivo no pavillón de Bertamiráns. Trátase dunha actuación que ascende a 81.831 euros. Dita actuación executarase nunha superficie de 1.210 metros cadrados co obxectivo de instalar un novo pavimento de madeira axeitado para a alta competición en deportes como o baloncesto, fútbol sala, balonmán, voleibol e patinaxe.

O goberno municipal dá cumprimento ao compromiso adquirido cos clubs deportivos municipais de instalar un novo pavimento deportivo de madeira no pavillón de Bertamiráns, que estea homologado para a alta competición en deportes como o baloncesto, fútbol sala, balonmán, voleibol e patinaxe. O alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, explica que “durante máis de ano e medio estivemos agardando para poder licitar este proxecto. Unha vez a Deputación da Coruña, no pasado mes de decembro, lle deu o visto e prace a este proxecto e temos os pregos preparados, podemos iniciar o expediente de licitación deste ansiado proxecto”.

Miñones engade que “cando chegamos ao goberno os clubs trasladáronnos a necesidade de mellorar o pavimento desta instalación, algo xa comprometido na etapa anterior pero que quedara sen facer. O primeiro que fixemos foi encargar o proxecto e incluímolo no primeiro plan de obras que aprobamos no ano 2015. Agora chega o proceso de licitación e esperemos contar co novo pavimento para o verán”.

Asemade, a Xunta de Goberno Local adxudicou no pasado mes de novembro o proxecto que recolle a construción dun novo ximnasio e dunha pista de squash cuberta no pavillón de Bertamiráns. Esta obra foi adxudicada á empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones SA por un importe de 97.795,32 euros (IVE incluído). A pista de squash que se construirá no pavillón polideportivo de Bertamiráns será a primeira pista municipal onde se poderá practicar esta modalidade deportiva. Coa construción desta instalación preténdese promocionar este deporte dentro da área de influencia de Bertamiráns, despois do acordo adoptado coa Federación Galega de Squash. Asemade, esta pista vaise aproveitar nun futuro próximo para incorporar o squash nas escolas deportivas municipais.

Por outra banda, o ximnasio permitirá o desenvolvemento de numerosas actividades como aerozumba, ximnasia, ballet, predeporte e pilates, podendo incrementar o número de usuarios e usuarias nestas modalidades deportivas. Ademais, estudarase a posibilidade de adquirir o equipamento necesario para incorporar a actividade de spinning en Bertamiráns, moi demandada pola veciñanza. A nova pista de squash e mailo novo ximnasio estanse construíndo de forma anexa ao actual pavillón municipal. O proxecto recolle a construción dun espazo de 206,54 metros cadrados dos cales a superficie útil será de 164,73 metros cadrados. A pista de squash contará con 62,40 metros cadrados, mentres que o ximnasio dispoñerá dunha superficie de 102,33 metros cadrados.

Por outra banda, no pasado mes de outubro o goberno municipal solicitou a colaboración da Xunta de Galicia nunha reunión recente mantida coa Secretaria Xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, para ampliar o devandito pavillón e dotalo dunha nova pista polideportiva.

Ampliación do pavillón do Milladoiro
Cómpre lembrar que a Xunta de Goberno Local adxudicou o pasado día 5 de outubro a obra de ampliación do pavillón municipal de deportes do Milladoiro á empresa Actividades de Construcción Edificación y Viales SL (ACEVI SL), por un importe de 58.145,80 euros (IVE incluído). Este proxecto recolle a ampliación en 180 metros cadrados do pavillón do Milladoiro co obxectivo de executar unha nova sala-ximnasio. A ampliación terá unha planta rectangular, de dimensións de 10x18 metros, cun dos pechamentos xa construídos ao estar anexado ao edificio existente. Ao igual que no caso de Bertamiráns, este novo espazo permitirá o desenvolvemento de actividades que agora realízanse na Casa da Cultura ou mesmo no instituto.

Ademais, o Concello de Ames percibirá máis de 300.000 euros a través do POS+ Adicional que se investirán en catro obras no Milladoiro, Bugallido e Agrón. Unha das actuación que se sufragarán con esta contía será a instalación dun novo pavimento deportivo no pavillón polideportivo do Milladoiro, que está presupostado en 74.864,54 euros.


Contido relacionado


Lindeiros: "O pavillón de Bertamiráns, en Ames, terá pronto novo firme"