Pestanas principais

Iníciase a licitación por preto de 32.000 euros das obras de mellora de seis parques infantís

Martes, 11 de setembro de 2018

[11-09-2018] Co fin de adaptarse á normativa vixente, a Xunta de Goberno Local aprobar o expediente de contratación, mediante procedemento aberto simplificado, das obras de mellora de seis parques infantís por un importe de 31.895,84 euros. Esta actuación está incluída no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal “POS+2018” da Deputación da Coruña. As melloras levaranse a cabo nos parques infantís de Cruxeiras, Covas, Trasmonte, do paseo fluvial de Bertamiráns, da Condomiña e da rúa Travesa do Milladoiro. Asemade, o goberno municipal está traballando para licitar a cubrición dun parque infantil en Bertamiráns e outro no Milladoiro, así como o servizo de mantemento de todos os parques infantís municipais e dos parques biosaudables.

A Xunta de Goberno Local deu luz verde ao inicio da licitación das obras de adaptación á normativa en vigor de seis parques infantís. No parque infantil de Cruxeiras contémplase a restauración dun tramo do valado (lixado, pintado e tratamento) e a eliminación do resto que non sexa estritamente necesario. Ademais, procederase co descompactado do terreo xunto co aporte de árido necesario para cumprir co espesor requirido pola normativa.

En Covas, contémplase a substitución completa do valado do parque infantil, ademais do descompactado do pavimento de area co obxectivo de que cumpra a normativa en materia de seguridade fronte a impactos. Previamente será necesaria unha labor de desbroce e retirada de vexetación para poder realizar o fresado do pavimento de árido existente.

No parque infantil de Trasmonte será pertinente a restauración do valado, ademais de diferentes elementos de xogo para a súa correcta certificación. Procederase igualmente ao descompactado do terreo e ao desbrozado da vexetación, co obxectivo de levar a cabo o fresado do terreo. En canto á accesibilidade, procederase á formación dunha rampla para salvar a diferenza de nivel ca beirarrúa exterior. No paseo fluvial de Bertamiráns, as actuacións contempladas no parque serán a instalación do cartel informativo, ademais do subministro e instalación do valado de seguridade, formado por estrutura metálica e láminas de polietileno de diferentes cores.

No parque infantil da Condomiña levarase a cabo a restauración do valado, respectando a variedade cromática existente. Tamén se procederá á subministración e instalación dun novo cartel informativo. Por último, no parque infantil da rúa Travesa, no Milladoiro, reubicaranse os elementos de xogo existentes, co obxectivo de respectar as áreas de seguridade dos mesmos. Igualmente, procederase ao recrecido do pavimento tanto na área de seguridade do tobogán como na estrutura.

Licitación do servizo de mantemento dos parques infantís
Dende o goberno municipal indican que están traballando para sacar a licitación o servizo de mantemento de todos os parques infantís municipais, así como dos parques biosaudables. O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, explica que “somos conscientes que o servizo de mantemento dos parques infantís non pode ser asumido por parte do persoal municipal, polo que estamos traballando para sacar este servizo a concurso. Nos últimos meses estes traballos xa están sendo asumidos por unha empresa externa. O obxectivo é manter estas instalacións nas mellores condicións posibles”.

Cubrición de dous parques infantís
Asemade, dende o goberno municipal están traballando para sacar a licitación os proxecto de cubrición da área de xogos e maila implantación de novos elementos no parque infantil da praza de Chavián, en Bertamiráns, por 189.775,83 euros, así como a cubrición da área de xogos do parque infantil de Agro da Vella, no Milladoiro, por 190.393,60 euros.

Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Iníciase a licitación por preto de 32.000 euros das obras de mellora de seis parques infantís"
Lindeiros: "Ames licitará melloras en 6 parques infantís"