[04-08-2018] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o inicio do expediente de contratación, mediante procedemento aberto, das obras de mellora dos camiños de Santo a Mourigade e de Maguxe a Lapido, ambos na parroquia de Ortoño, por un importe de 144.780,17 euros. Estas actuacións están incluídas no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concello) “POS+2018” da Deputación da Coruña. Ademais, a Xunta de Goberno Local procedeu á adxudicación de varios proxectos, como as obras de ampliación do abastecemento de auga en Guimaráns e Quistiláns e a pavimentación de viais no núcleo de Outeiro, na parroquia de Bugallido, e dos traballos de accesibilidade universal na rúa Agro do Medio no Milladoiro.
A través do proxecto de mellora dos camiños de Santo a Mourigade e de Maguxe a Lapido, na parroquia de Ortoño, preténdese arranxar e pavimentar o firme en aglomerado. Trátase de dúas vías de comunicación importantes para a a veciñanza amesá. A primeira das vías, de Santo a Mourigada, é utilizada polos veciños e veciñas da parroquia para saír a Santiago, mentres que o camiño de Maguxe ata a ponte de Lapido constitúe unha vía alternativa de moito uso para achegarse a Bertamiráns.
Saneamento e pavimentación no rural
Outros dos acordos adoptados na Xunta de Goberno Local deste venres, 2 de agosto, fan referencia á adxudicación de varios proxectos, con especial importancia para o rural amesán. Así, procedeuse á adxudicación do contrato de obras de ampliación de abastecemento de auga en Guimaráns e Quistiláns, na parroquia de Bugallido, á Excavaciones Pose SL por un importe de 28.495,5 euros. O prazo de execución do contrato será de 6 meses, contados a partir do día da sinatura do contrato. A Xunta de Goberno Local procedeu tamén á adxudicación das obras de pavimentación viais no núcleo de Outeiro, na parroquia de Bugallido, á empresa GR Construcciones, Obras y Servicios SLU, por un importe de 35.846 euros e cun prazo de execución tamén de 6 meses.
Accesibilidade no Milladoiro
A Xunta de Goberno Local adxudicou tamén as obras de accesibilidade universal na rúa Agro do Medio no Milladoiro á Construcciones J. Mauri e Hijos SL, por un importe de 84.277,3 euros e un prazo de execución de 4 meses. A través desta intervención trátase de que o espazo público obxecto de dita actuación poida ser utilizado por todas as persoas con independencia da súa condición e o seu nivel de mobilidade. Así, con carácter xeral acondicionaranse os vaos que non estaban adaptados correctamente, e crearanse vaos novos e pasos de peóns alí onde se diagnostican as barreiras arquitectónicas de carácter urbanístico. Noutros casos será preciso ampliar as beirarrúas para poder aloxar convenientemente os novos vaos de peóns e dispor de recorridos adaptados. Tamén se adaptará o mobiliario urbano existente (papeleiras, sinais de tráfico ou indicativas) ou se substituirá por elementos adaptados.
Para o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, os acordos adoptados na última Xunta de Goberno Local “ amosan a importancia que este goberno lle está a dar ao rural amesán, con diferentes actuacións que mellorarán as vías de comunicación e abastecemento de auga en varios lugares do noso Concello”.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Ames inicia la licitación para mejorar los caminos de Ortoño"
Compostela 24 horas: "Iníciase a licitación por preto de 145.000 euros das obras de mellora dos camiños de Santo a Mourigade e de Maguxe a Lapido"