Pestanas principais

Iníciase a licitación por preto de 110.000 euros das obras de ordenación e mellora viaria de Cantalarrana e Carballido

Martes, 18 de setembro de 2018

[18-09-2018] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o inicio do expediente de contratación, mediante procedemento aberto simplificado, das obras de ordenación e mellora viaria de Cantalarrana e Carballido, na parroquia de Ortoño, por un importe de 108.383,15 euros. Estas actuacións están incluídas no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concello) “POS+2018” da Deputación da Coruña. A través destes traballos mellorarase o estado actual dos viarios e maila seguridade.

Dividido en tres treitos de 170x4,00, 530x4,00 e 310x4,00 m, así como 100 m2 de sobreanchos, o proxecto das obras de ordenación e mellora viaria de Cantalarrana e Carballido pretende a mellora da capa de rodaxe con cinco centímetros de aglomerado en quente a toda a plataforma, previa reparación de fochancas e perfilado de mordes, e previo emprego de 12 centímetros de zahorra, dez de grava e tratamento asfáltico semiprofundo en ampliación da superficie pavimentada ambos lados (0,50m. a cada lado) dentro da plataforma actual dos viarios, nos dous últimos treitos (530 e 310 m.)

Contémplase tamén a execución de 618 metros de cuneta de seguridade revestida de formigón, baixo a que se canalizará tubería de polietileno corrugado de 315 centímetros de diámetro e executaranse 18 arquetas con sumidoiro para recollida de augas pluviais. Asemade, preténdese a limpeza de gabias e salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal, a sinalización horizontal con pintado de liñas en bordes e símbolos e unha partida para adaptación de pozos e arquetas á nova rasante.

Acordo plenario
As obras de ordenación e mellora viaria de Cantalarrana e Carballido dan resposta a aprobación, en sesión plenaria ordinaria de xuño de 2017, dunha proposta presentada por Pacto por Ames relativa ao acondicionamento xeral da zona de Cantalarrana, Carballido e arredores. Solicitábase a posibilidade de destinar unha partida específica do Orzamento para este fin, así como fixar as principais actuacións necesarias a realizar e facer unha análise urbanística para lograr a mellor forma de desenvolvemento priorizando o beneficio da veciñanza.

Para o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, o inicio da licitación das obras en Cantalarrana e Carballido amosa ”o compromiso do goberno por seguir mellorando o estado dos viarios en todo o concello, nomeadamente en zonas do rural, e dotar de máis seguridade diferentes zonas, tanto para os condutores como para os viandantes”.

Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Comeza a licitación para a mellora da estrada de Cantalarrana e Carballido"