[06-10-2018] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o inicio do expediente de contratación, mediante procedemento aberto simplificado, da obras de mellora da accesibilidade universal no pavillón polideportivo do Milladoiro. O proxecto ten un custo de 81.642,33 euros, IVE incluído, e estará sufragado a través do Plan único de concellos “POS+ 2018”. Deste xeito, o goberno municipal continúa apostando polo investimento en mellora da accesibilidade, logo dos traballos desenvolvidos en varias instalacións do Milladoiro (parque infantil adaptado, oficinas xerais, biblioteca, piscina municipal, Travesía do Porto, pasos de peóns), na Casa do Concello e praza do Concello en Bertamiráns, así como nas instalacións da praia fluvial de Tapia, ademais doutros proxectos pendentes de executar noutros puntos do municipio (Pazo da Peregrina e contorna da praza da Maía, en Bertamiráns, e a rúa Agro do Medio e a planta baixa das Oficinas Xerais do Milladoiro).
O inicio da licitación das obras de mellora da accesibilidade universal no pavillón polideportivo do Milladoiro continúan a aposta do goberno municipal polas actuacións que, en materia de accesibilidade, se están a executar no concello. Así, son máis de 300.000 euros os que xa se investiron en actuacións en varias instalacións do Milladoiro (parque infantil adaptado, oficinas xerais, biblioteca, piscina municipal, Travesía do Porto, pasos de peóns), na Casa do Concello e praza do Concello en Bertamiráns, así como nas instalacións da praia fluvial de Tapia. Ademais, está prevista a execución dos traballos na rúa Agro do Medio no Milladoiro, na contorna da praza da Maía de Bertamiráns, no edificio do Pazo da Peregrina e os que están ao seu arredor (a Casa da Froita, a Casa dos Caseiros e a Capela), así como na planta baixa das Oficinas Xerais do Milladoiro.
Para o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, o goberno “está comprometido coas persoas con problemas de mobilidade e discapacitadas, como amosa o forte investimento que fixemos ata hoxe en obras de accesibilidade, así como o pendente de executar. Estamos a falar do mandato co maior investimento en accesibilidade na historia de Ames”.
O proxecto das obras de accesibilidade universal no pavillón polideportivo do Milladoiro contempla a creación dun aparcamento adaptado nos xa existentes que cumpra a normativa coas súas dimensións e bandas perfectamente delimitadas e pintadas, así como o acceso á beirarrúa con paso de peóns adaptado. No espazo próximo á entrada onde se atopa o soportal norte do edificio, proponse a ubicación dun ascensor exterior, cunha estrutura envolvente metálica. Habilitarase un espazo superior próximo ao ascensor onde ubicarse para exercer de espectadores dos eventos os usuarios en cadeiras de rodas. O ascensor terá unha cabina cun lateral acristalado e o resto opacos de chapas de aceiro, resolto o illamento e a ventilación en condicións de total impermeabilización.
Os traballos contemplan tamén a reestruturación dos aseos públicos da planta superior redefinindo os espazos e creando un aseo adaptado por sexo. Asemade, levarase a cabo a remodelación dos espazos e divisións en vestiarios para permitir un aseo completo adaptado por sexo que dispoña de ducha adaptada coas súas barras, asento, sumidoiro e tipo de pavimento apto de maneira integrada, ademais da adaptación de portas existentes onde proceda. Será necesario colocar, dado o seu mal estado, uns novos accesorios dos aseos existentes en vestiarios, incluíndo unha partida de sinaléctica para as entradas dos aseos, tanto nos novos adaptados ou remodelados coma nos existentes en vestiarios que non se modifiquen para unha mellor comprensión. Para a inclusión dos aseos completos adaptados con ducha débense facer obras de reforma de tabiquerías, instalacións de saneamento e agua potable, e reacondicionamento de espazos adxacentes. Por último, levarase a cabo a adaptación física do mostrador de atención en conserxería para persoas con discapacidade.
Contido relacionado
Lindeiros: "A Deputación financia a mellora da accesibilidade do pavillón do Milladoiro, en Ames"
Ames Go: "A Deputación financia con 81.000 euros as obras de mellora da accesibilidade do polideportivo do Milladoiro"
La Voz de Galicia: "El Plan Único de la Diputación financia la accesibilidad del polideportivo de O Milladoiro"
Compostela 24 horas: "O pavillón do Milladoiro iniciará o camiño cara a súa accesibilidade universal"
El Correo Gallego: "Contratan las obras para hacer más accesible el pabellón de O Milladoiro"
Compostela 24 horas: "A Deputación da Coruña destina máis de 80.000 euros para mellorar a accesibilidade no pavillón do Milladoiro"




