[05-11-2018] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de contratación, mediante procedemento aberto simplificado, das obras do camiño de Quistiláns ao cemiterio e dos viarios do núcleo de Quistiláns, en Bugallido. O importe do contrato é dun total de 136.820,22 euros, IVE incluído. Estas actuacións están incluídas no Plan Complementario do POS+ 2018.
Neste proxecto técnico contémplanse, por un lado, a pavimentación dos viarios do núcleo de Quistiláns e, por outro, a mellora e pavimentación do camiño que une Quistiláns co cemiterio, todo elo na parroquia de Bugallido.
Así, as obras que se realizarán no camiño de Quistiláns ao cemiterio, executaranse en tres treitos de 140X5, 460x4 e 200x5 metros, e consistirán na mellora da capa de rodaxe con cinco centímetros de aglomerado en quente. Antes, realizarase a reparación das fochancas e perfilado de mordentes, así como o emprego de quince centímetros de zahorra, quince de grava e tratamento asfáltico semiprofundo en ampliación do ancho da superficie pavimentada en 0,5 metros a cada lado, dentro da plataforma actual do camiño (no treito de 460 metros de lonxitude).
Asemade, pavimentaranse dous treitos de 45x3 e 15x5 metros con dez centímetros de grava, tratamento asfáltico semiprofundo e cinco centímetros de aglomerado en quente a toda a plataforma. Tamén se realizará a execución dun total de 685 metros de cuneta de seguridade revestida de formigón, baixo a que se canalizará tubaxe de PVC de 315 milímetros de diámetro e 21 arquetas con sumidoiro para a recollida de augas pluviais, previa escavación de gabia e posterior recheo compactado da mesma.
Para finalizar as obras do camiño, procederase á limpeza de gabias e salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal, así como a sinalización horizontal con pintado de liñas en bordes e símbolos e unha partida para adaptación de pozos e arquetas á nova rasante.
Por outra banda, tamén se procederá ao asfaltado dos viarios do núcleo de Quintiláns que, divididos en dous treitos de 60x5 e 110x3,5 metros, serán pavimentados con cinco centímetros de zahorra e doce de formigón, ademais de incluír mallazo e xuntas de dilatación. Todo elo despois da demolición, nivelación e compactación do pavimento existente.
Por último, na zona tamén se contempla a execución de 12 metros de caz de formigón con reixa para recollida de augas pluviais e unha partida para adaptación de pozos e arquetas á nova rasante.
A propósito destas obras, o concelleiro de Obras, Blas García, destaca o investimento deste Goberno no rural, "a pesares de que algúns grupos políticos da oposición lles interesa trasladar informacións falsas". Así, "en concreto nesta obra, aceleráronse os prazos para a súa licitación e posterior obra debido ao mal estado do firme nalgunhas zonas, e ao compromiso adquirido cos veciños e veciñas desa zona nunha visita realizada polo alcalde".
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Ames licita obras en el acceso al cementerio por 136.000 euros"
El Correo Gallego: "Contratan a mellora dos viais situados no entorno amesán de Quistiláns"
Compostela 24 horas: "Investidos 136.000 euros nas obras do camiño ao cemiterio e dos viarios do núcleo de Quistiláns"




