Pestanas principais

Inícianse este martes as aulas de Identidade Dixital e Ferramentas de Comunicación para Mulleres no Milladoiro

Luns, 07 de novembro de 2016

[07-11-2016] O martes 8 de novembro a aula de Informática da Casa da Cultura do Milladoiro acolle, ás 10:00 horas, o comezo do módulo I do curso Identidade Dixital e Ferramentas de Comunicación para Mulleres da asociación Otro Tiempo. As sesións restantes desta parte terán lugar os días 8 e 10 de novembro e 14, 15, 16 e 17 de decembro. O módulo I, centrado nas ferramentas de comunicación, impartirase os días 21, 22 e 24 de novembro Para inscribirse as mulleres interesadas poden acudir ao CIM, chamar ao 680856721 ou enviar un correo ao enderezo brancoxandra@gmail.com.

A asociación Otro Tiempo organiza, a través dunha subvención do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e coa colaboración do Concello de Ames, o curso Identidade Dixital e Ferramentas de Comunicación para Mulleres. Dividirase en dúas partes, a primeira das cales comeza esta semana. As dúas primeiras sesións do módulo I terán un horario de 10:00 a 14:00 horas, mentres que as restantes impartiranse entre as 11:15 e as 14:15 horas. Nas seis clases, de catro horas cada unha, explicarase ás asistentes o concepto identidade dixital, a marca persoal, e como empregar as redes sociais como Facebook ou LinkedIn na busca de emprego ou para desenvolver un proxecto propio.

O obxetivo xeral que se pretende é potenciar habilidades para a utilización de ferramentas tecnolóxicas en internet que faciliten a inserción socio-laboral. Promover a construción de alianzas e redes solidarias para o intercambio de recursos socio-laborais. As aulas están dirixidas  a mulleres desempregadas ou con un proxecto propio de autoemprego, interesadas en ampliar ou seu desenvolvemento profesional e/ou persoal.

O 21 de novembro comezarán as aulas da segunda parte do curso, centradas nas Ferramentas de Comunicación para Mulleres. Neste caso buscarase desenvolver as habilidades comunicativas das asistentes para axudalas a redactar o seu currículo, facer unha boa presentación da súa traxectoria profesional ou introducir ante público o seu propio proxecto. As sesións deste módulo terán lugar os días 21, 22 e 24 de novembro en horario de 10:00 a 14:00 horas na aula de Informática do Milladoiro.

Tralo remate do curso entregarase ás asistentes un diploma acreditativo da súa participación. As interesadas poden realizar o curso enteiro ou inscribirse ao módulo que máis lles interese. Aínda quedan prazas para asistir a calquera de ambos.