- Tematica
O Concello de Ames informa que, tras diversas inspeccións realizadas pola Policía Local debido á alarma social xerada nas redes sociais pola posible presenza de veleno ou cebos sospeitosos no paseo fluvial de Bertamiráns, non se atopou evidencia algunha deste feito.
Se algún veciño ou veciña dispón de probas, información ou detecta algo sospeitoso relacionado con esta situación, rógase que o comunique de inmediato á Policía Local (619 76 75 75) de Ames ou á Garda Civil (981 53 64 05) , co fin de poder tomar as medidas oportunas canto antes.
Na actualidade hai constancia dun animal que podería ter inxerido algunha substancia nociva, aínda que se están a realizar as análises correspondentes e non existe, polo momento, ningún resultado concluínte nin evidencia de que a inxestión se producise na zona sinalada (paseo fluvial).
Por outra banda, estanse a divulgar informacións erradas e imaxes que non se corresponden co termo municipal de Ames, polo que se solicita precaución á hora de compartir contidos non contrastados, co obxectivo de evitar a difusión de desinformación.
Ante esta situación, lembramos tamén a obriga de levar os cans atados con correa en todo momento, agás nos espazos especificamente habilitados para que poidan estar soltos.
O Concello de Ames seguirá informando ante calquera novidade que poida xurdir en relación a este caso.
Novas relacionadas:
Diario de Santiago: "Información relativa á alarma social xerada debido á presenza de veleno ou cebos sospeitosos no paseo fluvial de Bertamiráns"





