[25-06-2014] O Concello de Ames oferta un amplo programa de campamentos, que están dirixidos a nenos e nenas de 2º ciclo de educación infantil, educación primaria e aos rapaces e rapazas desde 1º a 4º de ESO. Estes campamentos desenvolveranse en lugares como a granxa escola Fervenzas do Toxa (Silleda), a granxa escola El Kiriko (Fornelos de Montes), Albergue Fundación González Ferreiro (Allariz) e no campamento xuvenil Ribeira Sacra (Quiroga).
Ademais, este ano desenvolverase a terceira edición do campamento urbano, que se levará a cabo no mes de xullo na Aula da Natureza. Grazas a este programa de campamentos deseñado polas concellerías de Medio Ambiente e Xuventude, os rapaces e rapazas terán a posibilidade de pasar uns días divertidos ao tempo que fan novos amigos e fomentan o respecto polo medio ambiente. En todos os campamentos faranse xogos de cooperación e divertidas veladas. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter toda a información de cada un dos campamentos.




