[29-05-2012] As manualidades ofrecen moitas máis posibilidades das que a xente imaxina. Pinturas en vidro, en xerras e botellas, cadros, paraugas decorados, lámpadas, reloxos feitos con tapacubos e mobles decorados son algúns dos traballos que se realizaron dende o pasado mes de outubro ata maio nos obradoiros de manualidades. A exposición estará aberta ao público no Pazo da Peregrina, de luns a venres entre as 17:00 e as 20:00 horas, ata o próximo día 1 de xuño. A actividade enmárcase dentro do programa de obradoiros culturais e escolas deportivas organizado polo Concello de Ames. O concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro, e o concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo, Turismo e Educación, Bernardo Moar, entregáronlles os diplomas, que acreditan a participación neste obradoiro, a todas as persoas que participaron nesta actividade.

Arredor de 100 persoas, repartidas en sete grupos, participaron este ano no obradoiro de manualidades. Esta actividade ten un enorme éxito entre os adultos que dispoñen de tempo libre para o lecer, pero este divertimento tamén implica traballo. Pinturas acrílicas, témperas, cartón, papel, pinceis, barro e verniz, entre outros materiais, encheron durante estes meses as aulas do obradoiro de manualidades. Esta actividade desenvolveuse nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.
Todos os grupos mostraron unha gran dedicación e fixeron utensilios aproveitables para o fogar e para a decoración. Cada un centrouse no seu labor: uns pintaron vasos e distintos recipientes de cristas, outras fixeron reloxos con tapacubos ou pintaron cadros. Dúas profesoras foron as encargadas de supervisar as tarefas que se desenvolveron e de impartir as clases.

O obradoiro foi de gran utilidade para todas as persoas que participaron nesta actividade. Entre os traballos que poderemos atopar no Pazo da Peregrina nestes días están pinturas en vidro, cadros, xerras, bandexas, bixutería con feltro, cadros de colaxe, pintura en tela, paraugas decorados, pequenos mobles decorados e traballos con pinturas acrílicas, usando como bases espellos, bandexas e cadros.
O concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo, Turismo e Educación, Bernardo Moar, animou as persoas que participaron neste obradoiro a que continúen facendo en vindeiras edicións para seguir traballando e creando novas composicións. Bernardo Moar destacou a gran calidade de todos os traballos e animou os homes do concello a participar nesta actividade xa que durante este curso só houbo un home que acudiu ao obradoiro de manualidades.
As diferentes expresións artísticas realizadas polas alumnas amosaran a habilidade destas na reutilización de materiais para darlles un uso diferente ao que están destinados ou crear utensilios novos a través de distintos materiais, como barro ou xeso. Todos e todas as amantes da arte teñen unha cita na mostra que se exporá no Pazo da Peregrina dende o 28 de maio ata o 1 de xuño. Todos os e as amienses que desexen gozar con este percorrido polos traballos feitos neste obradoiro poden visitar a sala de exposicións do Pazo da Peregrina no horario habitual de luns a venres de 17:00 h. a 20:00 horas.






