[01-06-2011] As manualidades ofrecen moitas máis posibilidades das que a xente imaxina. Pinturas en vidro, en xerras e botellas, cadros, coxíns, lámpadas, reloxos feitos con tapacubos e elementos decorativos feitos con tellas son algúns dos traballos que se realizaron dende o pasado mes de outubro ata maio nos obradoiros de manualidades. Agora unha das salas de exposicións do Pazo da Peregrina acolle a mostra de todos estes traballos ata o 3 de xuño. A actividade enmárcase dentro do programa de obradoiros culturais e escolas deportivas organizado polo Concello de Ames.
As diferentes expresións artísticas realizadas polas alumnas amosaran a habilidade destas na reutilización de materiais para darlles un uso diferente ao que están destinados ou crear utensilios novos a través de distintos materiais, como barro ou xeso. Todos e todas as amantes da arte teñen unha cita na mostra que se exporá no Pazo da Peregrina dende o 30 de maio ata o 3 de xuño.
Todos os e as amienses que desexen gozar con este percorrido polos traballos feitos neste obradoiro poden visitar a sala de exposicións do Pazo da Peregrina no horario habitual de luns a venres de 17:00 h. a 20:00 horas.
O alcalde de Ames en funcións, Carlos Fernández, mostrouse entusiasmado co nivel dos traballos expostos. "Cada ano que pasa aumenta o nivel dos traballos realizados. Só hai que botarlle unha ollada a mostra para ver a calidade dos traballos".
Ademais o concelleiro de Cultura en funcións, Francisco Villaverde, animou a todos homes que residen no concello a que acudan e participen neste tipo de obradoiros xa que a maioría dos participantes son mulleres. "Estas actividades ademais de ser formativas tamén serven para liberarse da rutina diaria. Esta é unha mostra colectiva que recolle os traballos de todas as persoas que participaron neste obradoiro".
Arredor de 130 persoas, repartidas en distintos grupos, participaron este ano no obradoiro de manualidades. Esta actividade ten un gran éxito entre os adultos que dispoñen de tempo libre para o lecer, pero este divertimento tamén implica traballo. Pinturas acrílicas, témperas, cartón, papel, pinceis, barro e verniz, entre outras materiais, encheron durante estes meses as aulas do obradoiro de manualidades. Esta actividade desenvolveuse nos centros sociais de Bertamiráns e do Milladoiro e no local social de Bugallido.
Todos os grupos mostraron unha gran dedicación e fixeron utensilios aproveitables para o fogar e para a decoración. Cada un centrouse no seu labor: uns pintaron vasos e distintos recipientes de cristas, outras fixeron reloxos con tapacubos ou pintaron cadros. Dúas profesoras foron as encargadas de supervisar as tarefas que se desenvolveron e impartir as actividades.
O obradoiro foi de gran utilidade para todas as alumnas que participaron nesta actividade. Entre os traballos que poderemos atopar no Pazo da Peregrina nestes días están pinturas en vidro, cadros, xerras, bandexas, coxíns, esmaltes sen estaño, bixutería con feltro, centros, encáustica (traballos con ceras, sobre cristal e sobre lenzo), cadros de colaxe, pezas de porcelana pintadas e cocidas no ferro caseiro e traballos con pinturas acrílicas, usando como bases espellos, bandexas e cadros. Tamén se realizaron diversos elementos decorativos con tellas.