[09-06-2011] O Alcalde de Ames en funcións, Carlos Fernández, o Director Xeral da Policía e da Garda Civil, Francisco Javier Velázquez, e o Delegado do Goberno en Galicia, Miguel Cortizo, foron os encargados de cortar a cinta no acto de inauguración do novo cuartel da Garda Civil do Milladoiro. As novas instalacións constan de dous edificios, un para dependencias destinadas a uso oficial, e outro de vivendas para os axentes e os seus familiares. O novo cuartel foi executado na parcela APE PM5-03, situada na rúa do Rego do Milladoiro, que dispón dunha superficie de 2.810 metros cadrados. A plantilla do novo cuartel está composta por 35 efectivos, 1 tenente, 1 brigada, 2 sarxentos, 1 cabo e 30 gardas civís.



Acto de inauguración
O acto comezou co correspondente saúdo do Director Xeral da Policía e da Garda Civil ao persoal do Posto. A continuación realizouse o izado solemne da Bandeira de España, aos acordes do Himno Nacional. A quenda de intervencións foi aberta polo Alcalde de Ames en funcións, Carlos Fernández, que "nun día como o de hoxe o máis importante é que poñamos estas instalacións a disposición de toda a veciñanza amiense. Ademais aproveito para agradecerlle ao goberno central que tivese a sensibilidade de poñer a nosa disposición un novo cuartel que atenderá aos municipios de Ames e Teo que teñen entre os dous preto de 50.000 habitantes".
O Delegado do Goberno en Galicia, Miguel Cortizo, foi o seguinte en intervir. Cortizo destacou as boas cifras que ten Galicia en materia de seguridade. "Os índices de seguridade de Galicia son dos mellores de España o que quere dicir que os axentes da Garda Civil están realizando un extraordinario traballo. Animo a que a Garda Civil continúe nesta liña de traballo que agora poderán desenvolver neste novo cuartel".
A quenda de intervencións pechouna o Director Xeral da Policía e da Garda Civil, Francisco Javier Velázquez, que tamén incidiu no bo traballo que está realizando a Garda Civil en Galicia. "España é un dos países máis seguros de Europa xa que se rexistra unha taxa de delitos e faltas de 45 por cada mil habitantes. Se temos en conta Galicia esta cifra redúcese a 28 delitos e faltas por cada mil habitantes". Francisco Javier Velázquez tamén quixo destacar o traballo realizado entre as diferentes administracións para poder construír esta nova infraestrutura.
Trala quenda de intervencións cortouse a cinta inaugural do novo cuartel do Milladoiro e descubriron unha placa conmemorativa da inauguración. Por último todos os asistentes realizaron un percorrido polas dependencias dos dous edificios que conforman o novo cuartel.

O Director Xeral da Policía e da Garda Civil, Francisco Velázquez, presidiu esta mañá o acto de inauguración do novo cuartel da Garda Civil do Milladoiro. No acto estivo acompañado do Alcalde de Ames en funcións, Carlos Fernández, do Delegado do Goberno en Galicia, Miguel Cortizo, e do Subdelegado do Goberno en A Coruña, José Manuel Pose Mesura. A esta inauguración tamén asistiron os alcaldes in péctore de Ames, Santiago Amor, e de Santiago de Compostela, Gerardo Conde Roa, e o alcalde en funcións e electo de Teo, Martiño Noriega.
As movas instalacións, cuxo custo total ascenderon a máis de 2.890.000 millóns de euros, contan con dependencias oficiais e vivendas para os gardas civís e as súas familias. O proxecto foi sufragado na súa totalidade con cargo aos créditos do Plan E. O solar onde se construíu o novo cuartel e o proxecto de execución foron achegados pola Administración local, segundo un Protocolo de colaboración subscrito no ano 2007 entre o Concello de Ames e o Ministerio de Interior. O novo cuartel foi executado na parcela APE PM5-03, situada na rúa do Rego do Milladoiro, que dispón dunha superficie de 2.810 metros cadrados, con unha superficie edificada de 4.320,59 m2, dos cales 808,62 son para dependencias oficiais e 3.079,59 para as vivendas.
O novo cuartel está composto por dous edificios nas que se sitúan as dependencias oficiais e as vivendas para o persoal alí destinado. Un dos inmobles está dedicado a un complexo de vivendas (20 vivendas en 3 plantas máis sótano) e, o outro, a dependencias oficiais (despachos, habitáculo de atención ao público, arquivos, calabozos, sala de identificación, Seprona, oficina de investigación, laboratorio, policía xudicial, etc.). As dúas edificacións contan con aparcamento subterráneo para vehículos e están separados por un espacio de cinco metros no que hai unha praza central. Tamén se dotou ao contorno destes edificios de diversas zonas verdes.
O posto de Milladoiro ten unha plantilla de 35 membros, 1 tenente, 1 brigada, 2 sarxentos, 1 cabo e 30 gardas civís, para unha demarcación con 174 quilómetros cadrados que abarca os termos municipais de Ames e Teo, que contan con preto de 50.000 habitantes.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Un moderno cuartel para velar por la protección de 47.000 amienses y teenses"
La Voz de Galicia: "El Gobierno considera suficiente el número de agentes en la zona"
La Voz de Galicia: "La tasa gallega de delitos es de 28 cada mil habitantes frente a los 45 de la media nacional"




