Pestanas principais

Inaugurado o espazo colaborativo “A Proa”, no Milladoiro, con 36 postos de traballo para os sectores do audiovisual e da tecnoloxía

Mércores, 10 de novembro de 2021

O alcalde de Ames, Blas García, presentou esta mañá as instalacións de traballo colaborativo, que buscarán sumar a un dos “tesouros” do concello, “os sectores audiovisuais e das TICs”. Máis dun cento de persoas asistiron ao acto, entre representantes de todos os grupos da Corporación Municipal, empresarias e empresarios e múltiples medios de comunicación. Participaron na presentación o delegado do Goberno en Galicia e ex-alcalde de Ames, José Miñones; Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, e Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica.

Os catro representantes políticos que tiveron a palabra na inauguración coincidiron en agradecer a persoal técnico, departamentos e institucións o seu traballo dende os primeiros pasos do proxecto, que comezou no ano 2016. A encargada de conducir o acto, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, recordou o esforzo realizado ao longo dos dous últimos mandatos. “Gustaríame agradecer o traballo feito antes de asumir esta Concellaría, xa que este non é un proxecto que se fixera en dous anos.  Agradecerlle á anterior concelleira, Isabel González, así como aos técnicos de Promoción Económica, Juan Carlos Carreja, Jorge Couñago e Lorena Gómez todo o traballo realizado nos últimos anos. Hoxe é un día importante para o concello, para o seu tecido empresarial, pero sobre todo para toda a veciñanza emprendedora, que van ter o apoio do Concello de Ames para sacar adiante os seus proxectos”.

O seguinte en intervir foi o delegado do Goberno en Galicia e ex-alcalde de Ames, José Miñones, que tivo “A Proa” como un dos seus principais proxectos durante a súa estancia na alcaldía. Miñones mostrou un “gran alivio” pola inauguración dun “referente no emprendemento local”. “As primeiras palabras que me saen son ‘por fin’. Despois de cinco anos sinto un gran alivio. Demostrouse que o esforzo paga a pena e que da os seus froitos. Como ex-alcalde, quero dar as grazas ao presidente da Deputación pola confianza. Con todo o vivido nos últimos cinco anos, o máis doado tería sido deixar de lado o proxecto. Grazas tamén ás concelleiras, tanto Isabel coma Ana, que son as que viviron o día a día, ademais de darllas aos técnicos e técnicas do Concello, que son profesionais espectaculares. Por último, quero felicitar ao alcalde, Blas García, tanto por esta inauguración como por darlle continuidade e impulso ao proxecto nestes últimos seis meses. Tanto el coma o seu equipo sacaron adiante o proxecto en tempo récord”.

Pola súa banda, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou a importancia de apoiar iniciativas de este tipo que favorecen a activación da economía e evitan a emigración de persoas e talentos. “A día de hoxe hai dez centros en funcionamento como este na provincia da Coruña e máis de 200 persoas que non tiveron que iniciar o seu soño laboral en Londres, Francia ou Madrid, e que agora o poderán facer aquí, en Ames, no seu territorio, na súa provincia”. Formoso gabou o espírito emprendedor de Ames, “que se traduce en cifras de xente nova, creación de emprego e aumento da poboación”, e agradeceu a presenza de toda a Corporación Municipal e non só do grupo de Goberno porque “é algo que non se ve en toda Galicia”.

Por último, o alcalde de Ames, Blas García, falou da inauguración de “A Proa” en chave de futuro. “Eu quero falar do futuro, do importante que é o que nos queda por diante no Goberno, o que lle queda a moitas entidades aquí presentes, tecido empresarial, produtoras, entidades bancarias, que poden colaborar titorizando persoas e proxectos. Hoxe é cando ‘A Proa’ empeza a navegar o mar do emprendemento, hoxe é un día importante. Esperamos que no futuro este proxecto teña un bo resultado, e que este emprendemento se vexa reflectido conxuntamente coas empresarias e empresarios de Ames”. García quixo incidir nun dos grandes valores do concello, as empresas dos sectores audiovisuais e tecnolóxicos. “Ames ten un tesouro neste polígono do Novo Milladoiro, que é o sector do audiovisual e das tecnoloxías da información. Aquí hai empresas importantes de software e de tecnoloxía, e estanse a facer series para Netflix, para Amazon ou para a Galega”.

“A Proa”, situada na entrada do parque empresarial Novo Milladoiro, conta con 36 postos de traballo, tres salas de xuntas, zonas de recepción, descanso, reprografía e aulas de formación e eventos. O técnico de Promoción Económica, Jorge Couñago, explicou os nomes atribuídos a cada espazo, seguindo a temática marítima que envolve ao local. “Marusía”, “Nordés”, “Amura”, “Norai”, “Sala de lecer” e “Sala de máquinas” son os seis ambientes do espazo, bautizados por un dos técnicos de Promoción Económica, Juan Carlos Carreja.

As instalacións “A Proa” están especialmente pensadas e orientadas cara ás novas apostas de emprendemento nos sectores do audiovisual e da tecnoloxía, reservando os seus postos a dous tipos de proxectos. Por unha banda, as usuarias e usuarios en fase de preincubación, é dicir, con iniciativas empresariais previas á posta en funcionamento, e por outra, as empresas en fase de incubación, con menos de dous anos de antigüidade.

O prazo máximo de uso dos espazos para os proxectos en preincubación será de 12 meses, mentres que para os que estean en fase de incubación será de 18 meses, cun máximo de tres postos de traballo por proxecto. De así desexalo, establecerase unha prórroga de seis meses, previa solicitude xustificada. No caso dos usuarios e usuarias puntuais, poderán solicitar a aula de formación e eventos, co fin de realizar accións vinculadas á súa actividade empresarial ou ao emprendemento.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Ames estrena A Proa como espacio público para el desarrollo de ideas emprendedoras"

El Correo Gallego: "Listo el noveno coworking de la red provincial para el desarrollo de las empresas"

Lindeiros: "Ames pon A Proa cara ao futuro do audiovisual"

AMSGO!: "Inicia a súa singradura ‘A Proa’, o coworking do Novo Milladoiro"

 

Inaugurado o espazo colaborativo “A Proa”, no Milladoiro, con 36 postos de traballo para os sectores do audiovisual e da tecnoloxía

Multimedia

  • Inaugurado o espazo colaborativo “A Proa”, no Milladoiro, con 36 postos de traballo para os sectores do audiovisual e da tecnoloxía
  • Inaugurado o espazo colaborativo “A Proa”, no Milladoiro, con 36 postos de traballo para os sectores do audiovisual e da tecnoloxía
  • Inaugurado o espazo colaborativo “A Proa”, no Milladoiro, con 36 postos de traballo para os sectores do audiovisual e da tecnoloxía
  • Inaugurado o espazo colaborativo “A Proa”, no Milladoiro, con 36 postos de traballo para os sectores do audiovisual e da tecnoloxía
  • Inaugurado o espazo colaborativo “A Proa”, no Milladoiro, con 36 postos de traballo para os sectores do audiovisual e da tecnoloxía
  • Inaugurado o espazo colaborativo “A Proa”, no Milladoiro, con 36 postos de traballo para os sectores do audiovisual e da tecnoloxía
  • Inaugurado o espazo colaborativo “A Proa”, no Milladoiro, con 36 postos de traballo para os sectores do audiovisual e da tecnoloxía
  • Inaugurado o espazo colaborativo “A Proa”, no Milladoiro, con 36 postos de traballo para os sectores do audiovisual e da tecnoloxía
  • Embedded thumbnail for