Pestanas principais

Inaugurada no Centro Cultural Mahía a exposición sobre o patrimonio histórico e etnográfico de Bugallido

Luns, 22 de decembro de 2025

O Centro Cultural Mahía acolle desde o sábado 20 de decembro a exposición dedicada ao patrimonio histórico e etnográfico de Bugallido, unha mostra que ofrece un percorrido polos máis de 2.000 anos de historia desta parroquia do concello de Ames. O acto de inauguración tivo lugar o sábado 20 de decembro, ás 12.00 horas, no primeiro andar do centro cultural.

No acto inaugural interviñeron Anxo Doval, promotor da exposición, en representación das asociacións de Bugallido, quen destacou o valor do traballo colectivo para recuperar e divulgar a memoria histórica da parroquia; Natividade González, deputada de Cultura da Deputación Provincial, que puxo en valor a importancia de apoiar iniciativas culturais vencelladas ao territorio e á identidade local; e Blas García, alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, que subliñou o compromiso do Concello coa conservación e difusión do patrimonio cultural do municipio.

A exposición está composta por 11 paneis infográficos de gran formato (200 x 100 cm) que convidan a realizar unha viaxe polo pasado de Bugallido, desde as súas orixes castrexas e a romanización ata o medievo e a época contemporánea. A mostra aborda tamén aspectos clave da vida tradicional como a igrexa, a emigración, o ensino, as cruces e ánimas, a vivenda tradicional, os ríos e muíños, así como as fontes e lavadoiros.

A mostra poderá visitarse do 20 de decembro ao 11 de xaneiro, os martes en horario de 19.00 a 21.00 horas, e sábados e domingos de 12.00 a 14.00 horas. Trátase dunha oportunidade única para achegarse ás raíces históricas e etnográficas de Bugallido e coñecer mellor a evolución da súa comunidade ao longo dos séculos.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Unha mostra repasa a historia e o patrimonio etnográfico de Bugallido"

Ames Go: "O Centro Cultural Mahía acolle a exposición sobre o patrimonio histórico e etnográfico de Bugallido"

Inaugurada no Centro Cultural Mahía a exposición sobre o patrimonio histórico e etnográfico de Bugallido

Multimedia

  • Inaugurada no Centro Cultural Mahía a exposición sobre o patrimonio histórico e etnográfico de Bugallido
  • Inaugurada no Centro Cultural Mahía a exposición sobre o patrimonio histórico e etnográfico de Bugallido
  • Inaugurada no Centro Cultural Mahía a exposición sobre o patrimonio histórico e etnográfico de Bugallido