Pestanas principais

Importantes citas deportivas para o MillaRaio, o Bruxas e o Meigas esta fin de semana

Venres, 28 de maio de 2021

Esta fin de semana, 29 e 30 de maio, os equipos deportivos de Ames teñen varias citas. O MillaRaio vai a Sevilla con catro dos seus atletas para competir no Campionato de España Sub 14 Individual. Trátase  do club galego con máis clasificados. O domingo, os veciños e veciñas de Ames poderán ir a apoiar aos seus equipos. No Milladoiro xogarán as Bruxas en semifinais, ás 12.00 horas no pavillón, na fase de ascenso a 1ª Autonómica Xuvenil contra o Aceites Abril. Ás 18.00 horas no pavillón de Bertamiráns, competirán as Meigas contra o 5. Coruña. Para asistir como público débense reservar convites de balde.

MillaRaio en Sevilla para xogar o Campionato Nacional

O MillaRaio será o club galego con máis representación no Campionato de España Sub 14 Individual, que se celebrará en Sevilla esta fin de semana, do 29 ao 30 de maio, na Pista de Atletismo San Pablo.

O campionato conta con cinco modalidades de triatlón (probas combinadas), en tres das cales haberá representación do MillaRaio. No triatlón B (1000m, salto de lonxitude e lanzamento de xavelina) participará Nuno Castro Albán, quen se clasificou na sexta posición dos 24 admitidos. No triatlón C (80m, salto de altura e salto de lonxitude) participará Jorge García Guerra. E no triatlón E (80m, lanzamento de xavelina, e 2000m marcha) participarán David Moreno Martín e Nadir Moreira Gómez.

As Bruxas xóganse o ascenso no Milladoiro

O Club de Voleivol Bruxas competirá o domingo 30 de maio, ás 12.00 horas, contra o equipo Aceites Abril, de Ourense, en semifinais. Trátase da fase de ascenso a 1ª autonómica xuvenil.

A cita terá lugar no pavillón do Milladoiro. O acceso é con aforo limitado e, por iste motivo, o partido será retransmitido na conta de Facebook do C.V. Bruxas.

As Meigas compiten en Bertamiráns

O equipo de fútbol feminino Meigas xogará contra o 5. Coruña no pavillón de Bertamiráns, ás 18.00 horas, este domingo 30 de maio. Trátase dun partido da Tempada 2020-2021 de Preferente Galicia, subgrupo A.

Para asistir como público débense reservar convites de balde. 

Fútbol club Meigas

Multimedia

  • Club Bruxas
  • sub 14 campeonato
  • Nuno,Jorge,David e Nadir