[04-04-2012] A campaña de identificación de cans que desenvolveu durante o mes de marzo o Concello de Ames, a través da Concellaría de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade, tivo un grande éxito. Durante o pasado mes implantáronse un total de 195 microchips nas seis clínicas veterinarias de Ames (Saudevet, Mundo Vivo, Zoolandia, Hospican, Clínica Veterinaria Novo Milladoiro e A Media Lúa), cando un mes normal soen colocar unha media de 66 dispositivos de identificación. Mediante esta campaña triplicouse a implantación de microchips. As clínicas veterinarias ofrecéronlles ás persoas interesadas un desconto do 10 por cento no prezo da implantación dos microchips de identificación regulamentarios. Ademais, a Policía local realizou controis dos cans do municipio, comprobando cun lector de microchip que as mascotas estaban correctamente identificadas. Durante o mes de marzo realizóuselles o control a uns 48 cans. Esta campaña púxose en marcha co obxectivo de sensibilizar os propietarios de cans sobre a importancia de ter identificados os seus animais.
O Concello de Ames e as clínicas veterinarias do municipio desenvolveron durante o mes de marzo unha innovadora campaña co obxectivo de sensibilizar aos propietarios de cans sobre a importancia de ter identificados os seus animais. Unha vez rematada a campaña xa se pode dicir que tivo un grande éxito. Segundo lle trasladaron as propias clínicas veterinarias ao Concello, durante o pasado mes implantáronse un total de 195 microchips, cando un mes normal soen colocar unha media de 66 dispositivos de identificación. A través desta campaña triplicouse a implantación de microchips.
Datos sobre a implantación de microchips
Hai que destacar que todas as clínicas veterinarias de Ames participaron nesta iniciativa (Saudevet, Mundo Vivo, Zoolandia, Hospican, Clínica Veterinaria Novo Milladoiro e A Media Lúa). Detallando unha por unha, todas as clínicas tiveron un forte incremento na implantación de microchips. Durante o pasado mes de marzo a clínica Saudevet experimento un incremento do 30% na implantación de microchips. En marzo implantaron 70 microchip cando durante calquera mes do ano colocan arredor de 21 dispositivos de identificación. Hospican multiplicou por 5 o número de microchips instalados (normalmente colocan 5 microchips ao mes e durante marzo implantaron un total de 25).
Outro exemplo claro foi a clínica Media Lúa que multiplicou por máis de 4 o número de microchips colocados. En marzo colocaron 55 dispositivos de identificación cando nun mes normal implantan arredor de 13. A clínica Novo Milladoiro pasou de colocar 15 microchips a implantar 25 en marzo, mentres que Zoolandia colocou 10 microchips en marzo, cando nun mes normal implantan 7. Por último, destacar os datos achegados pola clínica Mundo Vivo que duplicou o número de microchips colocados (en marzo colocaron 10, mentres que nun mes normal implantan 5).
As persoas que tiñan as súas mascotas sen identificar aproveitaron esta campaña para implantarlles o correspondente microchip aos seus cans, xa que as clínicas colaboradoras nesta campaña ofrecen un desconto do 10 por cento no prezo da implantación dos microchips de identificación regulamentarios.
Dende as clínicas veterinarias tamén manifestan que se produciu un forte incremento na solicitude de información sobre a implantación de microchips. Os veciños/as acudiron ás clínicas veterinarias para solicitar información porque en moitos casos descoñecían que era obrigatorio que todos os cans deben levar un microchip de identificación. Segundo a lexislación vixente, a implantación do microchip nas mascotas é obrigatoria e non voluntaria. O incumprimento desta norma pode implicar unha sanción económica. Moitas persoas decatáronse disto a través da campaña posta en marcha polo Concello de Ames ou grazas aos controis que realizou a Policía local durante o pasado mes.
Control dos cans sen microchip
A Policía local realizou un control dos cans do municipio, comprobando cun lector de microchip que as mascotas estaban correctamente identificadas. Durante o mes de marzo realizóuselles o control a un total de 48 cans. Algúns dos propietarios descoñecían que era obrigatorio a identificación das súas mascotas polo que acudiron a unha das clínicas veterinaria para implantarlle o microchip.
Neste control lembróuselles aos propietarios a súa responsabilidade na identificación dos cans e advertíuselles da posible sanción económica que implica o incumprimento. Os axentes da Policía local informaron e non sancionaron, aínda que todas as persoas que non teñen identificados os seus cans deberán facelo.




