[17-12-2012] O Pazo da Peregrina acolle desde hoxe a exposición de Ilusións Ópticas, unha das actividades máis novidosas que se inclúen este ano dentro da programación da campaña de Nadal do Concello de Ames e que está organizada pola Concellaría de Promoción Económica. Esta campaña, que leva como lema Este Nadal Ames regala ilusión, pretende atraer público e incentivar as compras no sector comercial amiense. É a primeira vez que se fai unha mostra deste tipo en Galicia. A exposición, que está creada polo Mago Romarís, conta con máis de 50 ilusións e poderá verse en Bertamiráns ata o 23 de decembro e despois trasladarase ao Milladoiro.
A exposición de Ilusións ópticas estará en Bertamiráns e no Milladoiro
A exposición estará aberta ao público dende o 17 de decembro de 2012 ata o 4 de xaneiro de 2013 nas localidades de Bertamiráns e O Milladoiro. En Bertamiráns poderase visitar no Pazo da Peregrina entre o 17 e o 23 de decembro, en horario de 17:00 a 21:00 horas, mentres que no Milladoiro os días de visita serán entre o 26 de decembro e o 4 de xaneiro (excepto os días 31 de decembro e o 1 de xaneiro), en horario de mañá, de 10:00 a 13:00 horas, e de tarde, de 17:00 a 21:00 horas. Na localidade do Milladoiro estará exposta no local 1 da rúa Viorneira cedido de forma gratuíta pola Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira, Boulebar. O Concello de Ames agradécelle especialmente aos seu presidente, José Manuel Fernández, este xeneroso xesto.
Esta exposición contará coa presenza de profesionais da maxia, que interactuando co público, explicaranlle as diferentes percepcións e trucos de ilusión durante as visitas guiadas que durarán arredor de 45 minutos. É a primeira vez que se fai unha mostra deste tipo en Galicia. A exposición, que está creada polo Mago Romarís, conta con máis de 50 ilusións.
Todos aqueles amienses que queiran gozar destas ilusións ópticas baseadas na fantasía e na percepción, poderán facelo polas tardes presentando un ticket de compra de calquera establecemento comercial de Ames por importe de 10 euros. En caso de non presentar o recibo de compra deberán abonar 2 euros na entrada. Estes importes permiten o acceso dunha persoa adulta ou de dous nenos/as de ata 12 anos.
Durante a visita, Bernardo Moar explicou que esta campaña “pretende conxugar o comercio e a ilusión dos nenos coas festas de Nadal e o consumo en Ames”. Explicou que “a intención do Concello de Ames é facer participes aos nenos e nenas na campaña de Nadal xa que son os principais protagonistas destas festas”. Deste xeito, preséntanse unha serie de actividades que están diseñadas para intentar conxugar o comercio coas emocións, resaltando a ilusión, e en consecuencia, a esperanza que coa chegada do Nadal medra en todas e todos nós, e de maneira moi especial nos máis cativos. A través desta iniciativa o que se intenta é xerar ilusión entre as familias amienses.
Esta mañá, o concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, visitou o Pazo da Peregrina para acompañar aos nenos e nenas que fixeron as primeiras visitas guiadas e gratuítas destinadas ao alumnado de Educación Primaria, que está escolarizado nos centros de ensino de Ames. As visitas comezaron hoxe e estenderanse ata o venres e suporán a participación de máis de 1.000 rapaces e rapazas dos centros de ensino amienses. Os primeiros en gozar desta exposición foron un total de 250 alumnos/as de Barouta, Ventín e Agro do Muíño.
O concelleiro puido comprobar como os rapaces e rapazas se amosaban encantados coas máis de 50 ilusións ópticas que se poden contemplar na mostra: xogos de percepcións, de perspectivas, unha billa de auga sen tubos ou moedas que aparentemente se poden tocar.
Na xornada de mañá, será a quenda de 355 nenos e nenas que estudan no centro A Maía, mentres que o mércores se achegarán ata o Pazo outros 200 alumnos e alumnas de Ventín. O xoves asistirán 150 nenos/as do colexio Alca e outro grupo de Ventín e o venres será a quenda de 270 rapaces de Agro do Muíño. A todos aqueles alumnos/as de Primaria que non poidan participar nestas visitas programadas gratuítas o concello entrégalles convites para que poidan asistir acompañados dos seus pais e nais. Ante a imposibilidade de incluír nestas visitas programadas ao alumnado das catro escolas unitarias que perviven no Concello, tamén se lles fará chegar invitacións.




