[24-10-2012] O Concello de Ames, a través da concellaría de Medio Ambiente, organizou para o próximo domingo 28 de outubro a III Andaina Concello de Ames pola Ruta de Riamontes. Os amienses percorrerán sete quilómetros andando polos arredores do regato e dos muíños que hai no seu contorno. Na metade da andaina os camiñantes chegarán ao Alto de San de Marcos onde se fará un breve descanso e poderase gozar dunha panorámica do Val da Maía. Trátase dunha andaina aberta a todos os públicos que é circular, polo que arranca e remata no lugar do Vilar, pertencente á parroquia de Ames. As inscricións poden realizarse a través das direccións de correo electrónico auladanatureza@concellodeames.org - medioambiente@concellodeames.org ou chamando aos números de teléfono 660 004 665 - 662 377 544. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar como se chega o punto de saída da ruta.
A ruta de Riamontes alberga unha extraordinaria riqueza ambiental e cultural. A enorme variedade de especies vexetais e animais que atopamos nas pequenas fragas do regato de Riamontes fálanos dun espazo equilibrado e diverso onde os saltos e as pequenas fervenzas salpican a contorna con pingas de auga cristalina. A ruta é circular e comeza e remata na aldea de Vilar, na parroquia de Ames. Neste lugar están instalados diversos paneis interpretativos que lle axudarán ao/a camiñante a guiarse e descubrir os tesouros que se agochan neste espazo. Todas as persoas que participen nesta andaina terán que achegarse ata o punto de partida a través dos seus propios medios. A saída terá lugar ás 11:00 da mañá.
O primeiro tramo do percorrido transcorre por un vello camiño entre prados e árbores froiteiras no que se pode contemplar unha paisaxe tipicamente rural. Posteriormente, os camiñantes entrarán nun fermoso tramo que discorre á carón do rego de Riamontes e que alberga, ademais dunha multitude de especies, un total de 11 muíños encadeados. Ao longo do percorrido, a técnico da Aula da Natureza ofrecerá unha breve charla sobre a flora e fauna que se pode ver nesa zona do contorno amiense.
Os muíños de Riamontes, en diferente estado de conservación, gardan entre os seus muros unha infinidade de historias das muiñadas de outrora. Continuando o ascenso, pasarase pola poza onde se encoraba a auga durante o verán para o funcionamento dos muíños. Hoxe nesta poza pódese observar unha gran cantidade de anfibios e moitas pegadas de animais que se achegan ata ela para beber.
Farase un descanso no alto de San Marcos
Seguindo a camiñada, a ruta chega ata o alto de San Marcos, a 260 metros sobre o nivel del mar. Desde alí pódese contemplar unha espléndida visita do val da Maía, o val formado polo río Sar. Alí no alto atópanse tamén os restos da ermida de san Marcos. Os sinais indicativos axudaranlle aos camiñantes a emprender o descenso por un carreiro entre matogueiras e plantacións forestais que os levará de volta a Vilar.
A 3º Andaina Concello de Ames pola Ruta de Riamontes terá unha duración aproximada de 3 horas. Recoméndase levar auga, calzado cómodo e algo para comer. A intención do Concello de Ames con esta iniciativa é valorizar o itinerario cultural e ambiental da ruta e da zona co obxectivo de que a xente a coñeza mellor.
Para ampliar calquera outra información da ruta ambiental poden poñerse en contacto coa Aula da Natureza a través do correo electrónico auladanatureza@concellodeames.org e do número de teléfono 660 004 665 ou coa Concellaría de Medio Ambiente enviando un correo electrónico á dirección medioambiente@concellodeames.org e do número de teléfono 662 377 544.




