[01-03-2011] A Biblioteca Municipal de Ames enfoca a súa programación para o mes que comeza hoxe en relación coa celebración o día 8 do Día da Muller Traballadora. Tanto nas xa tradicionais sesións de contacontos coma nos distintos obradoiros defenderase un valor tan básico para unha sociedade moderna coma a igualdade total entre homes e mulleres. Ademais ao longo do mes continuará o programa de visitas escolares que achega este servizo aos máis novos do concello.
A igualdade entre homes e mulleres será o eixe central da programación que a Biblioteca Municipal de Ames organiza para este mes de marzo. Co gallo da celebración do Día da Muller Traballadora o día 8, a defensa desa igualdade real actuará como fío condutor das diversas iniciativas que se leven a cabo, coma as actividades de contacontos ou os obradoiros.
Os días 9 e 10 de marzo terán lugar os obradoiros da igualdade. O mércores 9 en Bertamiráns e o xoves 10 no Milladoiro celebraranse estes obradoiros dirixidos a nenos e nenas maiores de 8 anos. O prazo de inscrición remata o 5 de marzo e os que o desexen deben inscribirse nas bibliotecas destas dúas localidades, lugar onde se celebrará esta actividade, a partir das 18:30 horas, os dous días.
Os obradoiros constarán da lectura dunha carta dirixida ás nais. Ademais os nenos e nenas falarán sobre os traballos que realizan as súas nais, participarán en xogos relacionados con distintas profesións que habitualmente se relacionan cun sexo determinado (polo que se intentará cambiar esa costume e falarlle aos rapaces e rapazas da necesidade de cambiar este costume de identificar determinadas labores coa muller e outros co home como se fose o natural) e falaráselles da necesidade de traballar a prol da igualdade entre homes e mulleres.
As actividades de contacontos terán lugar entre o 14 e o 17 en varios lugares de Ames. O luns 14 a cita será no Local Social de Augapesada e o martes 15 no de Bugallido. O mércores16 a sesión terá lugar na Biblioteca de Bertamiráns, e o xoves 17 na do Milladoiro. Todas as sesións de contacontos terán lugar ás 18:00 horas.
A Biblioteca participará nas actividades de Entroido cunha comparsa propia, unha actividade moi ilusionante para os máis pequenos. Así o día 5 de marzo preto de 300 persoas (sobre 170 en Bertamiráns e arredor de 90 no Milladoiro) participarán na comparsa desde as 17:30 h. en Bertamiráns e no Milladoiro. As comparsas citaranse na Praza de Chavián e na de Manuel Murguía respectivamente. A temática elixida para confeccionar os disfraces é a Primavera. Haberá nenos e nenas disfrazados de diversos insectos e flores participando na comparsa.
Ademais do anterior, continúan as visitas escolares que ensinan todo sobre o servizo de bibliotecas aos máis pequenos de Ames. Esta vez é a quenda de 4º de primaria. Do 21 de marzo ao 1 de abril as escolas de Barouta, Agro do Muíño, A Maía e Ventín visitarán a súa biblioteca de referencia para asistir a unha presentación do servizo e o seu funcionamento e á realización de xogos de pistas, e outras actividades, dirixidas a indicar o uso do catálogo, a localizar os fondos documentais e a entender as normas de funcionamento deste servizo.




