Pestanas principais

Ibuprofeno Teatro representa en Ames “Raclette” que conta con 5 nomeamentos aos María Casares e 4 candidaturas aos premios Max das artes escénicas

Martes, 07 de marzo de 2017

[07-03-2017] Este venres, 10 de marzo, ás 21:00 horas, volve o teatro ao concello de Ames da man da compañía Ibuprofeno Teatro, que porá en escena, na Casa da Cultura do Milladoiro, o espectáculo “Raclette”, que obtivo recentemente 5 nomeamentos aos premios María Casares e outras 4 candidaturas aos premios Max das artes escénicas. As entradas para esta obra de teatro xa están á venda na Billeteira electrónica. Tamén se poden mercar as entradas, de xeito anticipado e presencial, nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, dirixíndose aos postos de conserxería e coa axuda dos técnicos do departamento de Cultura, de luns a venres, en horario de 10:00 a 13:00 horas. Ademais, resérvase o 10% das entradas para vender de xeito presencial unha hora antes do comezo do espectáculo.

A Raclette é un xeito de comer en comunidade inventado polos pastores suízos que, para escorrentaren o frío e a soidade da montaña, se reunían arredor dunha pedra quentada ao lume para ir cociñando nela, a medida que comían, queixo, carne e verduras. Esta raclette urbana e contemporánea une, durante unha cea, dúas tramas que aparentemente non teñen relación, pero que conviven e se entrelazan para rematar contando unha historia terrible que trata temas universais como a morte, a parella, a maternidade, a cobiza e a violencia.

Ibuprofeno Teatro trae a Ames este espectáculo que recibiu o premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais de 2014. Esta obra de teatro está escrita e dirixida por Santiago Cortegoso. O elenco de actores e actrices está formado por Toni Salgado, Deborah Vukusic, Marián Bañobre, Iría Sobrado e Salvador del Río. O realismo é a base da posta en escena e do traballo cos actores neste espectáculo. Búscase unha clave máis próxima á do audiovisual, na que o actor se mostra como o faría na vida real, con verosimilitude. A comida e a bebida son reais e a raclette tamén. Os actores cociñan e comen comida real, diante do público, que apreciará o transcurso da cea non só pola vista e o oído, senón tamén polo olfacto.

Os cinco personaxes sentados á mesa conforman un complexo mosaico humano: son liñas de fuxida cara a unha identidade que os axude a sobrevivir a través do traballo, a arte, adescendencia... A súa posta en común nun contexto aparentemente inocente, que agocha un suceso terrible que só se destapará ao final, xera un choque entre visións do mundo que se volven incompatibles. Deste conflito profundo entre persoas que han de convivir a pesar das diferenzas xorde un humor escuro, incómodo, que busca a risa no máis negativo do ser humano. Son cinco universos que reflicten as contradicións dunha sociedade enferma que devora os seus integrantes.

Candidaturas aos premios María Casares e aos Max das artes escénicas
Trátase dun espectáculo de gran calidade que recentemente obtivo 5 nomeamentos aos premios María Casares (mellor espectáculo, mellor dirección, mellor texto orixinal e mellores actores: Toni Salgado e Salvador del Río) e outras 4 candidaturas aos premios Max das artes escénicas (mellor espectáculo de teatro; mellor autoría teatral: Santiago Cortegoso; mellor dirección de escena: Santiago Cortegoso; e mellor actriz de reparto: Iría Sobrado).

As entradas para esta obra de teatro xa están á venda na Billeteira electrónica. Tamén se poden mercar as entradas, de xeito anticipado e presencial, nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, dirixíndose aos postos de conserxería e coa axuda dos técnicos do departamento de Cultura, de luns a venres, en horario de 10:00 a 13:00 horas. Ademais, resérvase o 10% das entradas para vender de xeito presencial unha hora antes do comezo do espectáculo.