Pestanas principais

As I Xornadas de medicina do deporte incidirán na dietética, prevención e primeiros auxilios no ámbito deportivo

Venres, 05 de maio de 2017

[05-05-2017] O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolle o vindeiro sábado, 13 de maio, as I Xornadas de medicina do deporte. O club amesán Abuelo Box é o encargado de organizar esta xornada, que se desenvolverá desde as 10:00 ata as 14:00 horas, e que conta coa colaboración do Concello de Ames, a Deputación de A Coruña e a Federación Galega de Boxeo. Dietética, lesións, prevención e primeiros auxilios serán os eixos fundamentais sobre os que xire esta xornada, composta de catro charlas que impartirán tres poñentes de recoñecido prestixio no ámbito deportivo. A xornada está especialmente dirixida a deportistas, adestradores e profesionais da medicina, se ben poden participar da mesma todos aqueles veciños e veciñas interesados no tema. A entrada é libre e gratuíta.

Sabedores da importancia da prevención de lesións no ámbito deportivo e da necesidade de seguir concienciando da mesma na práctica de diferentes disciplinas, o club de boxeo amesán Abuelo Box organiza estas primeiras Xornadas de medicina do deporte, coa intención de que teñan continuidade en futuras edicións. Ademais da prevención, as charlas que se impartirán porán especial atención na dietética, lesións e os primeiros auxilios.

As xornadas abriranse ás 10:00 horas co relatorio Conceptos Básicos de Dietética, a cargo do doutor Javier Pombo Prieto, especialista en traumatoloxía, médico da Federación Galega de Boxeo, da selección española de hockey sobre patíns e de diversos clubs de distintas modalidades deportivas. Ás 11:00 horas continuarán as charlas co doutor Enrique Antelo Yebra, que falará das Lesións no deporte. Antelo Yebra é tamén especialista en traumatoloxía, médico da Federación de Boxeo durante máis de catro décadas e colaborador con diversos clubs deportivos, como o RC Deportivo da Coruña.

A función do exercicio terapéutico na prevención das lesións deportivas será a seguinte charla, prevista para as 12:00 horas, a cargo do doutor Javier Ayaso Maneiro, licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, diplomado en Fisioterapia, cun Máster Universitario en Investigación, Actividade Física, Deporte e Saúde e un posgrao en prescrición do exercicio terapéutico. Pechará as xornadas o doutor Javier Pombo, quen desta volta falará dos Primeiros Auxilios.

En cada relatorio abrirase unha quenda de preguntas para que o público asistente poda obter resposta ás inquedanzas ou dúbidas que teña en relación aos temas que se propoñen para estas I Xornadas de medicina do deporte.