[27-12-2018] A Asociación de Empresarios de Bertamiráns (AEB) organiza a súa I Feira Artesanal, que conta coa colaboración do Concello de Ames na colocación das carpas nas que terá lugar. A iniciativa realizarase do 28 de decembro ao 2 de xaneiro na praza do Concello de Bertamiráns, e contará coa participación de catorce artesás especializados en diversas modalidades que mostrarán o seu traballo aos asistentes.
O Nadal é unha época marcada non só polas comidas e as reunións familiares, senón tamén polos paseos para desfrutar do ambiente que xurde nos distintos pobos e cidades ao abeiro da decoración e o alumeado das rúas. Nesta atmosfera cobran cada vez maior importancia os tradicionais mercados de Nadal, de gran arraigo en países como Alemaña ou Italia, e que dende fai varios anos tamén se poden desfrutar en diversos puntos de Galicia.
Neste ambiente xurde a I Feira Artesanal de Ames, que terá lugar na Praza do Concello entre os días 28 de decembro e 2 de xaneiro, unha alternativa para aqueles que desexen pasear, desfrutar do ambiente ou mesmo adquirir algún regalo para os máis achegados. Esta iniciativa, organizada pola Asociación de Empresarios de Bertamiráns, busca mostrar e poñer en valor o traballo de catorce artesás especializados en distintas ramas da artesanía.
Así, entre os diversos postos que se instalarán nesta feira, os visitantes poderán encontrar produtos de bixutería, complementos, cremas artesanais, sacos térmicos, ambientadores, xoguetes de madeira, lámpadas de cera e pirogravados, ademais de diversas obras elaboradas en madeira e vidro. Asemade, os máis larpeiros tamén poderán gozar de postos con embutidos, queixos, sidra asturiana ou chocolate e bombóns, entre outros produtos de alimentación.
A través deste proxecto, que o sábado contará tamén cun acto realizado por representantes da organización de Mans Unidas, non só se busca revalorizar o traballo dos artesáns e a calidade dos seus produtos, senón tamén impulsar este tipo de actividades na zona, que poidan atraer tanto a veciños como a visitantes ao municipio.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "La Feira Artesanal de Ames arranca con 14 puestos"
Lindeiros: "A I Feira Artesanal de Bertamiráns reunirá a catorce artesáns"