Pestanas principais

A humanización do Milladoiro centrou o debate do pleno ordinario de setembro

Venres, 27 de setembro de 2024

A Corporación municipal aprobou a cuarta modificación do Plan estratéxico de subvencións, a primeira modificación do contrato do servizo de limpeza integral nas instalacións dos centros de educación infantil e primaria e escolas unitarias, o convenio e encomenda de xestión ao Concello de Teo para a prestación do servizo de atención temperá, e o estudo de viabilidade da concesión de obra para a construción da instalación deportiva municipal de O Milladoiro e da piscina municipal de A Telleira para a súa explotación conxunta. Os temas que xeraron máis debate foron tres mocións presentadas por vía de urxencia, que tamén foron aprobadas, sobre a situación da educación no concello de Ames; en apoio á veciñanza e comercio do Milladoiro afectados polas obras de humanización da N-550; e para que o goberno do Estado estableza a gratuidade do tramo da AP-9 entre Santiago de Compostela e Padrón. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.

O pleno ordinario de setembro comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 186 decretos, do 2730 ao 2915. De seguido, aprobouse por unanimidade a acta correspondente á sesión ordinaria do mes de agosto celebrada o pasado 11 de setembro de 2024.

A continuación abordouse a cuarta modificación do Plan estratéxico de subvencións do Concello de Ames. Dita modificación está motivada porque o goberno municipal vai introducir unha nova liña de axudas na area de Servizos Sociais e Promoción Social trala aprobación definitiva da modificación das bases de execución do orzamento do exercicio 2024, para incluír a subvención nominativa á entidade Solidariedade Internacional de Galicia, co obxecto de colaborar co programa galego de acollida temporal a mulleres defensoras de dereitos humanos denominado Galicia Abriga.

Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno, Partido Popular e BNG. A concelleira de Espazo Común, Luísa Feijóo, abstívose porque segundo manifestou “estamos de acordo co proxecto, pero eu votei a favor no pleno de xullo para outorgar unha subvención nominativa para este ano en concreto, non para que se instauren subvencións nominativas para unhas asociacións e para outras non”.

Modificación do contrato do servizo de limpeza nos centros de ensino
O Pleno aprobou por unanimidade a primeira modificación do contrato do servizo de limpeza integral nas instalacións dos centros de educación infantil e primaria e escolas unitarias do concello de Ames. O motivo de dita modificación é pola ampliación nas instalacións do CEIP Agro do Muíño coa incorporación dunha nova edificación de planta baixa e planta alta, cunha superficie construída de 1.786,35 metros cadrados. Asi mesmo, aproveitase para efectuar a regularización anual de horas entre os períodos comprendidos dende o 1 de setembro de 2024 e o 31 de agosto de 2025 como consecuencia do calendario escolar.

O importe da modificación ascende a 21.165,00 euros, máis 4.444,65 euros (IVE 21%), o que fai un importe total de 25.609,65 euros, que se corresponde cun incremento anual de horas de 1.556,25 non superando así a porcentaxe de modificación do contrato (20%). O importe total anual do contrato, unha vez efectuada a modificación do contrato, ascende a 242.256,80 euros, máis 50.873,93 euros (IVE 21%), o que fai un importe total de 293.130,73 euros.

Servizo de atención temperá
Tamén se aprobou por unanimidade o convenio e encomenda de xestión ao Concello de Teo para a prestación do servizo de atención temperá. Deste xeito, vaise subscribir un novo convenio co Concello de Teo cunha duración de dous anos anos, dende o 1 de novembro de 2024 ata 31 de outubro de 2026, para darlle continuidade á prestación do servizo de atención temperá no Concello de Ames e que se preste mediante xestión compartida co Concello de Teo.

Dende os grupos políticos de Espazo Común e BNG indicouse que o Concello de Ames debería ofrecer este servizo en solitario debido á alta demanda que ten dito servizo no municipio amesán. Dita solicitude foi recollida pola concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís, que dixo que “de cara a próxima convocatoria estudaremos a opción de poder prestar este servizo en solitario”.

Centro deportivo municipal do Milladoiro
A Corporación municipal aprobou o estudo de viabilidade da concesión de obra para a construción da instalación deportiva municipal do Milladoiro e mellora da piscina municipal da Telleira, en Bertamiráns, para a súa explotación conxunta, presentado pola empresa Dosvalor Consultoría SL o pasado 18 de xuño de 2024. Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e do Partido Popular. A concelleira de Espazo Común abstívose e os/as edís do BNG votaron en contra.

Sobre este asunto a concelleira de Servizos Económicos e Deportes, Susana Señorís, explicou “considerada polo goberno municipal e sendo unha petición reiterada polos veciños do Milladoiro, é necesario dotar a este núcleo dun complexo deportivo con piscina climatizada e outros servizos complementarios. No ano 2020 foi asinado un contrato coa consultora Dosvalor, que elaborou un estudo de viabilidade. O pasado 31 de xullo de 2024, o pleno acordou tomar coñecemento do novo estudo de viabilidade, e estivo en exposición pública por un prazo dun mes; durante ese tempo, non se presentou ningunha alegación. Logo de ver que o estudo de viabilidade presentado cumpre cos requisitos, traemos a pleno a aprobación de dito estudo e concesión da obra para a construción de instalación deportiva municipal de O Milladoiro e mellora da piscina municipal de A Telleira, en Bertamiráns, para a súa explotación conxunta”.

A concelleira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo “aínda que non estamos de acordo con algúns dos ítems das cifras plantexadas neste estudo, como as tarifas que se lle repercuten aos usuarios e usuarias (xa que vai ser o complexo deportivo máis caro da contorna) ou as tarifas de parking, este documento non deixa de ser un documento técnico elaborado pola intervención do Concello no que se analiza de forma individual a viabilidade de ambas instalacións para propoñer a xestión conxunta, tendo en conta unha serie de datos que veñen dados e que conclúe que o proxecto, con estas características, é viable”.  

A concelleira do BNG, Rosalía Seijas, destacou “este estudo de viabilidade non é realista na análise dos factores internos e externos, nin prognostica de xeito eficiente as ganancias financeiras e a rendibilidade do proxecto. Dado que o BNG fixo achegas para mellorar este estudo, que non foron atendidas, hoxe traemos unha proposta alternativa, sostible, eficiente e real, que atende ás necesidades da veciñanza do Milladoiro. O BNG aposta por un ximnasio con piscina que se realice na contorna do novo CEIP e do IES, e deixar libre esta parcela, a única de propiedade municipal no centro do Milladoiro. Propoñemos un modelo similar ao de A Telleira, no que sexa o Concello o que realice a obra e despois licite a concesión do servizo, financiado na súa maior parte por fondos externos (POS, fondos europeos, etc.) Quen vota hoxe a favor desta proposta, vota a favor de cobrarlle aos amesáns unha tarifa de 2,06 euros á hora polo aparcamento, de cementar o que poida ser o pulmón verde do Milladoiro, de hipotecar a oito corporacións do noso concello e ao Concello ao devir da rendibilidade dunha empresa privada”.

Dende o grupo municipal popular a súa voceira, Oliva Agra, anuncio o seu voto a favor e  indicaron que agardan que desta volta sexa a aprobación definitiva.

Situación da educación no concello de Ames
Os temas que xeraron máis debate foron tres mocións presentadas por vía de urxencia, que tamén foron aprobadas. A primeira moción, presentada polo grupo municipal do BNG, tratou sobre a situación da educación no concello de Ames. Esa moción foi aprobada co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do Bloque Nacionalista Galego, grupo de goberno, e Espazo Común. Os/as edís do grupo municipal do Partido Popular abstivéronse.

Dese xeito, ínstase á Xunta de Galicia a dar cumprimento, de maneira inmediata, das ratios máximas incluídas na resolución do 10 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se dá publicidade do texto do Acordo entre esta Consellería e as organizacións sindicais CC.OO., ANPE e UGT-SP Ensino sobre medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo e as condicións laborais do persoal funcionario e laboral docente da Comunidade Autónoma de Galicia que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, nos centros escolares do noso concello.

Tamén se solicita dotar do persoal de apoio e especialistas necesarios para que en todos os centros se poida dar soporte ao alumnado con necesidades especiais que permita a verdadeira integración; e dotar dos autobuses suficientes ao servizo de transporte escolar de xeito que non se produza o desdobre de ningunha liña.

Humanización do Milladoiro
A segunda moción foi presentada polos grupos municipais do Partido Popular, Bloque Nacionalista Galego e Espazo Común, en apoio á veciñanza e comercio do Milladoiro afectados polas obras de humanización da N-550. Os grupos municipais da oposición explicaron que están a favor do proxecto de humanización da N-550 ao seu paso polo Milladoiro, pero non do xeito que se está executando, xa que segundo indicaron, antes de executar as obras hai que buscar unha alternativa ao fluxos de tráfico que soporta a N-550.

A voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, aludiu “á falta de diálogo por parte do actual goberno coa plataforma veciñal N-550, coa veciñanza afectada e cos comerciantes da zona”. Tamén dixo “decidiuse comezar as obras sen contar cunha alternativa viable para o tráfico que pasa a diario pola avenida de Rosalía de Castro. Tampouco se buscou solución á desaparición de prazas de aparcamento tanto durante como despois da obra. Iso vai provocar fluxos de tráfico intenso noutras rúas interiores do Milladoiro que non están preparadas para soportar este volume de tráfico. Estamos de acordo co proxecto de humanización, pero sempre se falou de buscar alternativas ao tráfico existente. A alternativa da AG-56 non é unha solución, é trasladar o problema”.

Por parte do BNG interviu Carlos García, que destacou que “o BNG está a favor da humanización e de eliminar os vehículos da avenida de Rosalía de Castro. A principal vía do Milladoiro, a avenida de Rosalía de Catro, carece de vida comercial, polo que este é un motivo máis polo que é necesaria a humanización da N-550, mais as obras van a supoñer un atranco importante para os comercios desta zona, polo que o Concello ten que apoialos durante o período de execución de ditas obras”. Tamén aludiu á falta de bolsas de aparcamento e a que o problema de tráfico da N-550 ao seu paso polo Milladoiro debeu resolverse xa no momento da construción da AP-9, que puido supoñer a variante perfecta para eliminar o tráfico do centro do Milladoiro. “Algunhas veces dende as institucións tómanse decisións desafortunadas. Os a as amesáns de hoxe temos que padecer as malas decisións dos que antes se sentaron aquí”.  

A voceira do Partido Popular, Oliva Agra, dixo “estamos de acordo en que O Milladoiro necesita un proceso de humanización, pero esta obra, tal e como está plantexada, non creo que sexa a solución. O primeiro que había que facer é buscar unha solución para desviar a todos os vehículos que pasan todos os días por alí, ese é o principal problema. As obras preocúpanme porque van afectar aos negocios, pero agardamos que o Concello estean ao seu lado para apoialos; pero o principal problema é que para levar a cabo o proxecto non tivestes en conta nin á veciñanza nin aos grupos da oposición. Esta obra había que consensuala coa veciñanza, coas outras administracións, e non se fixo”.

O voceiro do grupo de Goberno, Víctor Fernández, indicou “é sorprendente esta moción que presentan os grupos políticos da oposición, cada un cunha posición totalmente diferente. O obxectivo deste proxecto foi sempre recuperar espazo para as persoas e quitar o tráfico do centro do Milladoiro. Agora dísenos que non se coñece o proxecto, pero foi presentado polos concelleiros e concelleiras dos tres grupos políticos que formamos no mandato anterior o goberno municipal. Aquí non se presenta ningunha alternativa, o único que se di é non ás obras, pero a alternativa non a din. Temos que apostar máis por nós se queremos que esta transformación que estamos facendo no Milladoiro sexa real. Estamos nun momento histórico para O Milladoiro”.

O alcalde, Blas García, dixo “no Milladoiro, aínda que votedes o queiran ocultar, hai moitos veciños e comerciantes que están a favor desta obra e que se intenta silencialos. Vostedes están defendendo unha parte moi concreta da veciñanza do Milladoiro, non a toda a veciñanza. Están dicindo que están a favor deste proxecto, pero non é así; estaban a favor, agora non están a favor, porque senón traerían outras alternativas e non pedirían a paralización dunha obra que saben que se paraliza, se vai a perder o investimento de 4,4 millóns de euros. Este proxecto é o mesmo que o que se presentou cando vostedes fixeron a foto na súa presentación en marzo de 2023. É difícil de defender que están a favor, pero non queren que se faga. Hai moitos veciños do Milladoiro que queren que se faga agora xa a humanización, non se esquezan deles”.

Esta moción foi aprobada co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do Partido Popular, Bloque Nacionalista Galego e Espazo Común, mentres que os membros do grupo de goberno votaron en contra. Deste xeito, ínstase ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a paralizar as obras temporalmente ata que haxa solucións alternativas viables ao fluxo de tráfico desviado polas obras de humanización da N-550 ao seu paso polo Milladoiro (gratuidade da AP-9 do tramo Padrón – Santiago, compromiso firme do desdobramento da AG-56,...). Tamén se solicita que dende o Concello se convoque coa maior brevidade unha xuntanza coa Plataforma N-550, a veciñanza e o comercio para trasladarlles a información que demanden; que dende o Concello se habiliten zonas de aparcamento alternativas; e que se implementen dende a Concellaría de Promoción Económica axudas directas para o comercio afectado polas obras e durante a duración das mesmas.

Gratuidade do tramo da AP-9 entre Santiago e Padrón
A terceira e última moción presentouna polo grupo municipal socialista, para que o goberno do Estado estableza a gratuidade do tramo da AP-9 entre Santiago de Compostela e Padrón. Esta moción foi aprobada por unanimidade.

Na moción alúdese a que a N-550 soporta o paso de 30.000 vehículos diarios que perturban a vida de 15.000 habitantes do noso concello e sofren as nefastas consecuencias da contaminación ambiental e acústica producidas polo volume de tráfico. A humanización do Milladoiro é un logro que foi posible grazas á insistencia de concelleiros e concelleiras de distintas cores políticas que defenderon esta actuación nos distintos mandatos e dos veciños do Milladoiro que a levan reclamando durante anos de forma unida. Hoxe este empeño virouse en realidade e damos resposta ás reclamacións da veciñanza de Ames que pide aliviar a presión nos viarios alternativos á avenida de Rosalía de Castro.

Todos os grupos estiveron de acordo en que é necesario liberalizar dita autoestrada, polo que o Pleno de Ames insta ao Goberno Central a establecer a gratuidade do tramo de AP-9 comprendido entre Santiago de Compostela e Padrón.

Novas relacionadas:

Lindeiros: "A humanización do Milladoiro lémbralle ao goberno de Ames a súa minoría"

La Voz de Galicia: "Ames pide dotar de personal de apoyo a los centros y ampliar los buses de transporte escolar"

El Correo Gallego: "El pleno de Ames reclama una AP-9 gratuita mientras dure la humanización de O Milladoiro"

A humanización do Milladoiro centrou o debate do pleno ordinario de setembro

Multimedia

  • A humanización do Milladoiro centrou o debate do pleno ordinario de setembro
  • A humanización do Milladoiro centrou o debate do pleno ordinario de setembro
  • A humanización do Milladoiro centrou o debate do pleno ordinario de setembro
  • A humanización do Milladoiro centrou o debate do pleno ordinario de setembro
  • A humanización do Milladoiro centrou o debate do pleno ordinario de setembro
  • A humanización do Milladoiro centrou o debate do pleno ordinario de setembro