[25-02-2011] Como cada ano o alumnado do IES de Ames organizaron un musical co que realizaron unha xira que remata hoxe en Santiago de Compostela. As dúas últimas representacións terán lugar no Teatro Principal de Compostela ás 14:30 h. e ás 21:00 horas. O espectáculo contou cunha boa acollida do público naqueles lugares que visitou e cumpriu cos obxectivos buscados polos mestres e organizadores: lograr unha maior integración grupal entre os alumnos e alumnas que participaron no proxecto, así como desenvolver unha maior confianza en si mesmos.
Só quedan dúas últimas oportunidades para ver o espectáculo musical organizado polos alumnos e alumnas do IES de Ames co que realizaron unha pequena xira. Hoxe ás 14:30 h. e ás 21:00 horas celebraranse as dúas últimas sesións de "Folia de Semasei" coas que remata en Compostela, no Teatro Principal, a xira que realizaron dende xuño de 2010. O espectáculo inclúe actividades de interpretación, danza, canto, instrumentación musical, acrobacia e aspectos técnicos como escenografía, iluminación, son vestiario e maquillaxe; todo isto a cargo de rapaces e rapazas de entre 12 e 19 anos. É aí onde está o novidoso do musical e o máis interesante.
Ata o de agora, a acollida do público foi moi boa, sobre todo entre os máis mozos. Esta compañía escolar formada por preto de 70 persoas visitou o colexio Peleteiro en Santiago, e aos alumnos da ESO dun instituto de Ourense. Tamén tiveron que representar a peza ante un público moito máis maior en Bandeira. En todos os casos, o público respondeu con entusiasmo ao espectáculo.
Con este proxecto, os mestres do IES de Ames pretendían lograr a integración dos mozos e mozas participantes, así como o provocar un maior desenvolvemento persoal e social dos mesmos. E os obxectivos cumpríronse xa que o profesorado si puido comprobar un maior desenvolvemento persoal entre estes, unha maior seguridade en si mesmos, unha moi boa integración entre rapaces e rapazas de diversas idades e procedentes de diversas culturas e clases sociais. "Todos eles forman unha boa piña", asegurou Kiko Bouza, un dos profesores encargados deste proxecto.
Algún dos participantes neste proxecto xa ten mostrado o seu interese en continuar adicándose ao mundo do espectáculo, o que demostra que á hora de lanzar aos máis novos ao mundo das artes escénicas este tipo de iniciativas é moi efectiva, mais será o tempo o que dirá quen dos que hoxe actúan no musical mañá se van adicar de xeito profesional ás artes escénicas.
Temática da obra
"Folia en Semasei" é unha historia dunha sociedade instalada nunha tradición na que
está prohibido amar, na que os homes emigran a unha temperá idade a outro país, a Atlántida, para enviar parte do gañado ás Vixías do Fogo da tradición. Estas vixías serán as que decidirán os emparellamentos con fins reprodutivos cando os homes volven á casa. É aquí cando entra en escena o amor, xa que unha serie de parellas namoradas intentarán opoñerse á forza das vixías.
A nova noutros medios dixitais:
Contido relacionado

El Correo Gallego: "El IES de Ames concluye hoy la gira de su musical"
El Correo Gallego: "El IES de Ames concluye hoy la gira de su musical"




