[02-01-2013] O Concello de Ames deseñou unha ampla e variada programación cultural e deportiva de Nadal que inclúe tamén a proxección de varios filmes de grande calidade entre os que se atopan O Apóstolo, Enrugas, Pinocchio 3000 e O Bosque Animado. Hoxe pola tarde, ás 17:00 horas, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá a proxección da película O Bosque Animado. As entradas para asistir a esta proxección serán de balde. A semana pasada proxectáronse os filmes O Apóstolo, Enrugas e Pinocchio 3000.
A programación de Nadal de Ames deseñada pola Concellaría de Cultura inclúe a proxección de varios filmes que están dirixidos ao público infantil e adulto. Ao longo destas semanas proxectáronse nos auditorios das casas da cultura de Bertamiráns e do Milladoiro varios filmes de moita sona dentro do panorama audiovisual galego como O Apóstolo ou Enrugas. Ademais, tamén houbo sesións de cine para os nenos e nenas coa proxección de Pinocchio 3000.
O cine infantil continúa esta semana na Casa da Cultura de Bertamiráns coa proxección do filme O Bosque Animado. Hoxe pola tarde, ás 17:00 horas, proxectarase esta película que se estreou en 2001 e que foi un grande éxito do audiovisual galego no campo da animación. Foi a primeira película de animación 3-D realizada en Europa. Está baseada na novela do mesmo nome de Wenceslao Fernández Flores. Este filme está producido por Dygra Films e dirixida por Ángel de la Cruz e Manolo Gómez. A película foi candidata á mellor película de animación e mellor canción orixinal nos Premios Goya 2002 e recibiu numerosos premios. As entradas para asistir a esta proxección serán de balde.




