[18-10-2011] Hoxe comeza o “IX Seminario de amigos da viticultura” organizado pola Oficina de Voluntariado de Ames. Por noveno ano consecutivo levarase a cabo o cursiño de viticultura que organiza a Oficina de voluntariado do Concello de Ames (OVA) encadrada na Concellería de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado. Este curso ofértase de maneira gratuíta, e impartirase tódolos luns en horario de 19.30 a 21.30 na Aula de Usos Múltiples da Casa da Cultura do Milladoiro. O Curso durará nove meses.
O encargado de impartir o curso será, coma nas anteriores edicións Manuel Oitavén Garrido xunto cos colaboradores Emilio Vicente Nogueira e Teodoro García Rivero que dunha maneira totalmente altruísta e desinteresada irán introducindo aos seus alumnos e alumnas no mundo da viticultura. Neste curso impartiranse os coñecementos necesarios para que os asistentes poidan perfeccionar as súas explotacións profesionais ou domésticas ou ben iniciarse no sector vinícola.
Neste curso abordaranse cuestións referidas ao mantemento dos cultivos e a saúde dos viñedos, así como, se facilitarán coñecementos vinculados coas diversas castes propias de Galicia, os marcos de plantación máis axeitados para a produción e maduración do viño, as distintas formas de guiar os bacelos e, tamén, información sobre as melloras técnicas de poda que se deben aplicar.
Este obradoiro goza dunha gran acollida por parte, sobre todo, dos veciños e veciñas do rural amiense. O curso de viticultura supón unha maneira formidable de mellorar as súas explotacións vinícolas profesionais e, tamén, domésticas. Así, os seus cultivos poderán perfeccionarse e ter unha maior categoría grazas, sobre todo, a información sobre os métodos para combater as pragas e os consellos sobre as boas prácticas para unha correcta realización da poda.
Todos aqueles que desexen ter máis información sobre este tema poderán obtela acudindo á Oficina de Voluntariado de Ames ou no teléfono da mesma, 981 883 703.




