Pestanas principais

Hoxe comeza a Mostra de Teatro Afeccionado de Ames coa representación de “Urxencias”

Venres, 08 de novembro de 2019

Esta noite ás 21.00 horas dará comezo a XIV Mostra de Teatro Afeccionado de Ames, organizada pola Concellería  de Cultura de Ames xunto coa Deputación da Coruña. A obra representada será “Urxencias” no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Corre a cargo do Club de Maiores de Boqueixón e a entrada é de balde ata completar aforo.

“Urxencias” é unha obra teatral destinada a un público adulto, baseada na coñecida obra “Servicio de urxencias” de Suso de Toro, pero que tamén conta con propias experiencias dos actores e actrices. Trátase dunha obra que recrea diferentes situacións que se viven nunha sala de urxencias dun hospital moi peculiar, sempre dende o humor e a parodia, factores esenciais para que este club de maiores leve a cabo unha obra.

O Club de Maiores de Boqueixón está composto por 24 persoas, chegando a súa actriz máis lonxeva aos 94 anos. Levan máis dun ano percorrendo diversos municipios galegos con esta obra, que se presentou por primeira vez na Casa da Cultura de Camporrapado (Boqueixón). Así, o Concello de Ames unirase á lista de municipios nos que este grupo teatral colleita outro grande éxito facéndonos rir e desfrutar coa súa actuación.

A Mostra continúa nos próximos días
A semana que ven, o próximo venres 15, ás 20.00 horas, a obra representada na Casa da Cultura do Milladoiro será Todos os camiños levan a Santiago, do Grupo Teatro Down Compostela. Posteriormente, o día 30 de novembro ás 21.00 horas,  a obra que se desenvolverá na Casa da Cultura de Bertamiráns, será Bailamos, representada por Aquelando Teatro de Muros. Xa por último, o día 15 de decembro ás 19.00 horas o Grupo Municipal de Teatro de Ames representará Criaturas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.

Mostra de Teatro Afeccionado de Ames

Multimedia

  • Mostra de Teatro Afeccionado de Ames