Pestanas principais

Hoxe celébrase un pleno extraordinario con contidos de carácter económico

Venres, 15 de abril de 2011

[15-04-2011] Este venres, ás 13:00 horas, na Casa do Concello haberá un nova sesión plenaria extraordinaria para tratar diversos temas de carácter económico. Primeiro debaterase a aprobación dun recoñecemento extraxudicial de crédito para aprobar o pagamento de diversas facturas correspondentes a gastos efectuados en exercicios anteriores. O segundo tema, que está incluído na orde do día, é a aprobación definitiva da conta xeral de 2009. Deste xeito o goberno municipal ponse ao día na rendición das contas do Concello. Dende o mes de xuño de 2009, momento no que se produciu unha reestruturación no departamento de Intervención, presentáronse as contas dos exercicios 2006, 2007, 2008 e 2009. Ademais a corporación municipal deberá tratar a modificación inicial dunha operación orzamentaria. Por último haberá que debater a aprobación do convenio de colaboración entre o Concello de Ames e a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB) para a celebración da VII Feira de Comercio Val da Maía.

O Pleno extraordinario que se celebrará este venres 15 de abril terá un marcado carácter económico. En primeiro lugar debaterase a aprobación dun recoñecemento extraxudicial de crédito para aprobar o pagamento de diversas facturas correspondentes a gastos efectuados en exercicios anteriores, fundamentalmente do ano 2010 e que non foron aprobadas nese exercicio nin imputadas ao orzamento correspondentes por non existir crédito suficiente. Trátase de gastos correntes que ascenden a un importe total de 476.904,35 euros. Este punto xa foi incluído no pleno ordinario do mes de marzo, pero non puido debaterse porque á media noite levantouse a sesión plenaria.

O segundo asunto que se recolle na orde do día é a aprobación definitiva da conta xeral de 2009. A liquidación desta conta aprobouse o 15 de decembro de 2010 por decreto de alcaldía e douse conta dela no Pleno ordinario do pasado mes de decembro. Unha vez que a conta foi formalizada polo departamento de Intervención, segundo establece a lexislación, convocouse a comisión especial de contas, cun prazo de 15 días de antelación para que os concelleiros/as da corporación municipal puidesen revisar a devandita conta xeral.

O pasado 9 de marzo os membros dos tres grupos políticos municipais, que forman a comisión informativa especial de contas, ditaminaron a favor desta conta. Tras este acordo abriuse un prazo de exposición ao público que rematou o 8 de abril, para que todas as persoas que o considerasen oportuno puidesen presentar as correspondentes alegacións. Despois de finalizar este prazo, sen que se presentasen alegacións, toca aprobar de xeito definitivo a conta xeral de 2009. Unha vez sexa aprobada deberá ser remitida ao Consello de Contas de Galicia e ao Tribunal de Contas.

Magnitudes da conta

A liquidación desta conta amosa un saldo positivo que ascende a 405.838 euros. O informe de liquidación pon de manifesto que se presupostou correctamente e se executou o orzamento de acordo coas previsións, e dicir, amosa que o gasto orzamentario foi inferior ao ingreso. Por outra banda o remanente de tesourería pon de manifesto que o estado de liquidez a curto prazo da entidade é negativo e ascende a 639.625,75 euros. Isto débese ao non concertar as operacións de préstamo que estaban previstas nos orzamentos elaborados polo Concello dende o ano 2004.

Ademais a corporación municipal deberá tratar a modificación inicial dunha operación orzamentaria. Este é o primeiro paso para solucionar unha situación contractual que existe dende hai varios anos no Concello. O actual goberno municipal herdou un contrato que se asinou no ano 1994 coa empresa que xestiona o servizo de saneamento e abastecemento de auga. Agora deberá aprobarse unha modificación orzamentaria que consiste nunha compensación producida entre os ingresos que recada a empresa adxudicataria do servizo e o que recada a Administración local.

Convenio para organizar a VII Feira do Comercio

Por último a corporación municipal deberá tratar a aprobación do convenio de colaboración para organizar a VII Feira de Comercio Val da Maía. Todos os anos se subscribe un convenio de colaboración entre o Concello de Ames e a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB), a través do cal a Administración local achega unha contía económica para sufragar parte do custo total que se deriva da organización deste evento.

Este ano o Concello de Ames achegará a contía de 15.000 euros, que representa o 65,90% do presuposto total que custa a organización deste evento. O custe estimado da organización da VII Feira do Comercio Val da Maía ascende a 22,760,99 euros. Este convenio de colaboración terá que se aprobado pola corporación municipal, xa que o Pleno é o órgano competente para a súa aprobación.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames celebra un pleno para reconocer facturas pendientes por cerca de 477.000 euros"