[27-01-2011] A corporación municipal amiense asistirá hoxe ao primeiro Pleno ordinario do ano. Os concelleiros e concelleiras que conforman a corporación municipal terán que atender os doce puntos que están incluídos na orde do día. Primeiro o alcalde de Ames, Carlos Fernández, dará conta de sete puntos que abordan a resolución da Dirección Xeral de Orzamentos da Xunta de Galicia en relación á retención de fondos do Fondo de Compensación Local ó Concello de Ames en relación coa Mancomunidade dos concellos da Serra do Barbanza, a implantación do control horario por pegada dixital e a execución dos orzamentos e dos movementos de tesourería nas operacións orzamentarias indispensables e auxiliares ao orzamento correspondente ao exercicio 2010, entre outros temas. Ademais debateranse tres mocións. O grupo municipal nacionalista presentou dúas mocións para buscar unha solución pola falta de prazas no CEP de Ventín e contra a suba dos bens de primeira necesidade: luz, gas e auga. Por outra banda o grupo municipal popular presentou unha moción contra a subida do recibo da luz acordada para o primeiro trimestre de 2011.
O salón de Plenos da Casa Consistorial acolle hoxe, a partir das 20:30 horas, a primeira sesión plenaria de 2011. A corporación municipal comezará o ano atendendo un total de doce puntos que están incluídos na orde do día. Primeiro darase conta dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. A continuación o alcalde dará conta das xestións realizadas, dos informes emitidos e das conclusións obtidas en relación coa contratación do servizo de impartición de actividades no campamento de verán en Cudillero (Asturias). O rexedor municipal dará conta deste tema despois de que dende o grupo municipal popular pedirán información sobre o proceso de contratación deste servizo.
A continuación, o rexedor municipal informará ao Pleno da corporación da información recompilada en relación ó expediente urbanístico 127/2009 de construción dun galpón en Leboráns, parroquia de Trasmonte. No Pleno ordinario do pasado mes de decembro o concelleiro do grupo municipal popular, Alfonso Rey, efectuou unha pregunta sobre a paralización do devandito galpón que se estaba construíndo no lugar de Leboráns, na parroquia de Trasmonte. Trátase dun galpón para gardar apeiros de labranza. Supostamente parouse a construción por non dispor de licenza de obra e posteriormente volveuse a retomar a súa execución no momento en que se lle concedeu a licenza. Debido a que non se dispuña nese momento da información solicitada aprazouse a resposta á seguinte sesión plenaria.
Outros temas dos que dará conta o alcalde serán a resolución da Dirección Xeral de Orzamentos da Xunta de Galicia en relación á retención de fondos do Fondo de Compensación Local ó concello de Ames en relación coa Mancomunidade dos concellos da Serra do Barbanza. A Mancomunidade Serra do Barbanza solicitoulle a Xunta de Galicia que aumentase as contías que lle estaba retendo aos concellos do Fondo de Compensación Local para solucionar a débeda que teñen algúns Concellos coa propia mancomunidade. A Xunta de Galicia denegou esta solicitude aludindo a que non se poden aumentar estas contías.
Tamén se informará sobre o estado de execución das obras de resolución dun problema de evacuación de saneamento que afectaba á vivenda número 16 da rúa Ameneiral, en Bertamiráns, e sobre a implantación do control horario por pegada dixital. Por último darase conta sobre a execución dos orzamentos e dos movementos de tesourería nas operacións orzamentarias indispensables e auxiliares ao orzamento correspondente ao exercicio 2010.
Mocións
Por outra banda, no Pleno ordinario de mañá debateranse tres mocións. O grupo municipal nacionalista presentou unha moción para buscar unha solución a falta de prazas no CEP de Ventín. Dende o BNG de Ames destacan que ao remate deste curso haberá 25 nenos e nenas aos que o colexio de Ventín non lle poderá ofrecer unha praza. Polo tanto, o grupo municipal nacionalista, pretende que o Pleno inste á Consellería de Educación Universitaria a que busque unha solución acordada coa comunidade educativa do Milladoiro (centros de ensino e ANPAS) para que os nenos e nenas que rematan o ciclo infantil na Escola do Milladoiro dispoñan dunha praza no CEP de Ventín para o vindeiro curso escolar.
Ademais dende o BNG de Ames presentaron unha moción contra a suba dos bens de primeira necesidade (luz, gas e auga). Nesta mocións solicítaselle ao Pleno a que inste ao goberno do Estado a dar marcha atrás na subida da luz e do gas, de xeito que en ningún caso o seu prezo se incremente por encima do IPC, así como que modifique a actual lei eléctrica e o decreto do carbón. Tamén se insta a Xunta de Galicia a que modifique a lei de augas, de xeito que, de ningunha maneira, supoña un incremento da carga impositiva na actual situación de crise.
O grupo municipal popular tamén presentou unha moción en conta da subida do recibo da luz acordada para o primeiro trimestre de 2011. O PP de Ames proponlle ao Pleno do Concello que manifeste o seu rexeitamento á subida unilateral acordada polo goberno na resolución que establece o custo de produción de enerxía eléctrica e as tarifas de último recurso a aplicar no primeiro trimestre de 2011.
Tamén se insta ao goberno do Estado a alcanzar un gran pacto en política enerxética que permita acometer unha reforma integral do sistema eléctrico en España de forma que non sexan os consumidores os que teñan que pagar a factura da aposta polo carbón nacional. Por último instase ao goberno central a conxelar o recibo da luz durante o ano 2011, xa que a electricidade é un ben de primeira necesidade que afecta directamente a toda a poboación, así como as súas expectativas de creación de emprego.




