Pestanas principais

Hoxe abre o prazo de inscrición para participar no programa de conciliación Entroido Lúdico

Luns, 14 de xaneiro de 2019

[14-01-2019] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación e Cultura, abre o prazo de inscrición do programa de conciliación familiar Entroido Lúdico. O servizo desenvolverase, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, os días 4, 5 e 6 de marzo, en horario de 7:30h a 16:00 horas. O prazo de inscrición deste programa, que se pon en marcha por cuarto ano consecutivo, estará aberto ata o vindeiro 28 de xaneiro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases, o impreso de inscrición e as tarifas do Entroido Lúdico.


O Entroido Lúdico é unha iniciativa que lle facilita aos pais e nais conciliar a súa vida laboral coas vacacións dos seus fillos, mentres estes ocupan o seu tempo libre dunha maneira educativa e divertida. O programa, ao igual que o resto de lúdicos e o programa Escola de Verán, está dirixido a crianzas empadroadas no Concello de Ames, escolarizadas no segundo ciclo de Educación Infantil ou en calquera dos cursos da Primaria. As familias que soliciten praza deberán, deste xeito, estar integramente empadroadas en Ames e deberán acreditar, asemade, a necesidade de conciliación entre a vida laboral e familiar por parte dos dous proxenitores ou titores.

Así, este lúdico terá lugar os días 4, 5 e 6 de marzo no CEIP da Maía, en Bertamiráns, e na EEI do Milladoiro. En horario de 9.00 a 14.30h, desenvolveranse todas as actividades e xogos que engloba este programa, agás para aquelas familias que soliciten o servizo de Bos Días, que comeza ás 7:30 horas, ou o servizo de comedor, que remata ás 16.00h.

Este programa de conciliación únese así aos xa ofertados de xeito regular ao longo do ano, como son o Nadal Lúdico, a Primavera Lúdica, o Xuño Lúdico e mailo Setembro Lúdico, que se suman a outras iniciativas de conciliación como a Escola de Verán.

Tramitación das inscricións
O prazo de inscrición no Entroido Lúdico permanecerá aberto ata o vindeiro 28 de xaneiro. As persoas interesadas en inscribir as súas fillas e fillos poderán recoller os impresos de inscrición no departamento de Educación situado no Pazo da Peregrina, na Oficina Municipal do Milladoiro, ou descargalos premendo no enlace que está á dereita desta nova, baixo o apartado de descargas.

Asemade, a entrega da documentación deberá facerse no rexistro auxiliar do Pazo da Peregrina, no Rexistro Xeral da Casa do Concello, en Bertamiráns, ou na Oficina Municipal do Milladoiro, de luns a venres, entre as 9:00h e as 14:00 horas.

Unha vez finalizado o prazo de inscrición publicarase a listaxe de nenas e nenos admitidos, na que tamén se indicarán os lugares das actividades por grupos. A listaxe poderase consultar nos taboleiros do Concello e da Oficina Municipal do Milladoiro, así como na sección de Aviso da páxina web do Concello de Ames. Para obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal.

Contido relacionado


Lindeiros: "Ames abre o prazo de inscrición para o Entroido Lúdico"
Compostela 24 horas: "Aberto o prazo de inscrición do Entroido Lúdico"