- Tematica
O Concello de Ames, a través do departamento de Turismo, puxo en marcha a iniciativa Café con Verso, para renderlle homenaxe a Rosalía de Castro. O Café con Verso estivo amenizado por intervencións musicais a cargo de Luís O’Caruncho e Oli Xiráldez en diversos establecementos hostaleiros do concello, nos que tamén se repartiron tarxetas con versos rosalianos para difundir a obra e o pensamento de Rosalía. Ademais, con motivo da celebración do Día de Rosalía, o Concello tamén organizou a actividade Caldo de Gloria nos comedores escolares municipais, nos que se repartiron manteis co poema “Miña casiña, meu lar”.
Durante o mes de febreiro o Concello de Ames conmemora, un ano máis, o día de Rosalía cunha programación específica. Con motivo da celebración do aniversario dunha das escritoras máis universais de Galicia, o departamento de Turismo puxo en marcha un ano máis a iniciativa Café con verso, que xurdiu no ano 2017, froito da colaboración entre o Concello de Ames e mailo poeta amesán Carlos Negro. Este ano esta iniciativa desenvolveuse o xoves, 22 de febreiro, en diversos locais hostaleiros do concello.
Nesta edición, como novidade, o Café con Verso estivo dinamizado por intervencións musicais a cargo de Luís O’Caruncho e Oli Xiráldez na hostalaría. Ademais, estes músicos repartiron tarxetas con versos rosalianos para difundir a súa obra, pensamento e figura. O obxectivo desta iniciativa era dobre: por unha banda, buscábase difundir a vida e obra da escritora (que, ademais, foi durante unha etapa da súa infancia veciña da Tarroeira, na parroquia de Ortoño); e, por outra, animar os veciños e veciñas de Ames a consumir na hostalaría local.
A técnica do departamento de Turismo, Sonia Moure, destaca que “tendo en conta que é o primeiro ano que desenvolvemos esta iniciativa, tivo boa acollida por parte da clientela, e ata algunhas persoas se animaron a bailar e recitar algún poema. Foi unha mágoa que a choiva non permitira desfrutar dos músicos tamén polas rúas”.
Caldo de gloria
Por outra banda, con motivo desta celebración desenvolveuse un ano máis a actividade Caldo de Gloria, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro. Repartíronse preto de 1.500 manteis co poema “Miña casiña, meu lar”, que inspirou esta iniciativa, nos comedores escolares do CEP de Ventín, CEIP de Barouta, CEIP de Agro do Muíño, CEIP da Maía, EEI Miladoiro e nas escolas unitarias de Covas e a Tarroeira. Ademais, o alumnado que asiste aos comedores de Ventín, Barouta, Agro do Muíño e A Maía desfrutou dunha animación musical dos versos rosalianos da man dos músicos Luís O’Caruncho e Oli Xiráldez. Os nenos e nenas foron moi participativos, e incluso en Agro do Muíño algúns se uniron aos músicos bailando muiñeiras.
O Caldo de Gloria descríbeo a escritora no seu poema “Miña casiña, meu lar”, de Follas Novas, no que unha muller pobre conta como consegue, fronte ás adversidades que as rodean e ás súas propias penurias, facer un caldo de gloria. Con el non só logra alimentarse e sobrevivir: na súa humildade e ao pé do lume da lareira tamén é feliz.
Desde a Fundación Rosalía de Castro sinalan que este ano se sumaron a esta iniciativa varios centros galegos no exterior, como os de Donostia, Castelló, Burgos, Alicante ou Valencia.
“Máis contenta que unhas páscoas
volvín a porta a pechar
e na miña horta pequena
unhas coles fun catar.
Con un pouco de unto vello
que o ben soupen aforrar
e ca fariñiña munda
xa tiña para cear”.
Fragmento do poema "Miña casiña, meu lar", Follas Novas.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Caldo de gloria e poemas en lembranza do nacemento de Rosalía de Castro hai 187 anos"