Pestanas principais

Hip-hop mañá e tarde o luns 28 en Bertamiráns cun obradoiro e co espectáculo "A Orixe"

Martes, 22 de decembro de 2015

[22-12-2015] Os amantes ou interesados no hip-hop teñen obrigada cita o luns 28 de decembro en Bertamiráns. Os mozos e mozas de Ames maiores de 9 anos xa poden reservar unha praza no obradoiro de hip-hop e danza moderna que se organiza na Casa da Cultura de Bertamiráns ese mesmo luns de 11:00 a 12:30 horas da mañá. A reserva dunha das 30 prazas será posible até o mesmo día no que se imparte o obradoiro.

Despois desta demostración práctica dos pilares e ritmos básicos do hip-hop e da danza moderna os que quedasen con ganas de máis hip-hop, ou aqueles aos que tamén lles gusta contemplar un espectáculo de danza, poden acudir ao mesmo lugar -á Casa da Cultura de Bertamiráns- ás 17:00 horas para aprender máis sobre hip-hop co espectáculo didáctico "A Orixe" da compañía As Dríadas.

As Dríadas nace no 2006 do talento e das mentes de Estefanía Gómez e Alba Fernández, quen despois de idear varios espectáculos embarcáronse na creación dunha actuación que falase ao espectador das orixes do hip-hop e da súa evolución ao longo do tempo.

Desta idea xurde "A Orixe", que transporta ao espectador aos anos 60 en Nova York, epicentro dun baile que foi xerme de todo un movemento cultural. "A Orixe" busca, ademais, a participación activa do público. A entrada ten un prezo de 4 euros para os maiores de 12 anos e de 2 euros para menores de doce anos, estudantes con carné de estudante e maiores de 65 anos.