Pestanas principais

Heredeiros da Crus, Medomedá, Familia Caamagno e A Compañía do Ruído forman o cartel do VII Millarock

Xoves, 11 de maio de 2017

[11-05-2017] Esta mañá compareceu en rolda de prensa o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, acompañado de Patricia Hermida, mánager de Heredeiros da Crus, José Manuel Piedra, mánager de Medomedá, e Suso Bello, mánager de A Compañía do Ruído, para presentar a sétima edición do festival Millarock. A presentación de dito festival tivo lugar no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, moi preto do aparcadoiro da Travesía do Porto onde se vai a celebrar dito festival o venres, 4 de agosto, a partir das 21:00 horas. Despois de recuperar o ano pasado este evento, o goberno municipal ten a intención de recuperar o concurso de bandas e ir consolidando este festival tan importante e necesario para a comunidade do Milladoiro e para o conxunto do concello.


O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que “o ano pasado recuperamos o Millarock despois de tres anos sen celebrase. A pasada edición organizouse na praza da Madalena, xa que alí foi onde se celebrou a primeira edición deste festival de rock. Este ano intentamos dar un paso máis e contamos con catro grupos de moito nivel que fan rock en galego. O festival desta edición celebrarase na explanada da Travesía do Porto, onde se celebraron as últimas edicións, exceptuando a do ano pasado. Para o Concello de Ames é un luxo poder dispor destes catro grupos. Temos que agradecerlle á Deputación da Coruña a súa colaboración nesta iniciativa. Agardamos pouco a pouco volver a consolidar este festival de rock. Longa vida ao Millarock”.

O cartel do festival Millarock está formado por Heredeiros da Crus, que están inmersos na celebración do seu 25 aniversario; o grupo do concello veciño de Teo, Medomedá; a agrupación nada en Sigueiro (no concello de Oroso) Familia Caamagno; e o grupo de Riveira, A Compañía do Ruído. A entrada a este festival, que terá lugar o venres 4 de maio, é totalmente gratuíta. Dito festival comezará ás 21:00 horas co obxectivo de que aos primeiros concertos se poidan achegar pais e nais cos seus fillos e fillas. Aproveitando a hora do solpor as familias poderán gozar das primeiras actuacións deste evento musical.

A mánager de Heredeiros da Crus, Patricia Hermida, salientou que “o cartaz deste ano do Millarock é case insuperable. Isto demostra que se pode organizar un festival de calidade con grupos de rock en galego”. Ademais engadiu “este ano os Heredeiros da Crus estamos en plena celebración do seu 25 aniversario, polo que cada un dos seus concertos é único e irrepetible. Debido a iso temos que dicirlle aos nosos seguidores que acudan ao Millarock porque non os vamos a defraudar”.

Por outra banda, o mánager de A Compañía do Ruído, Suso Bello, manifestou “nós este ano celebramos o noso décimo quinto aniversario e con motivo desta celebración sacamos un novo disco que se chama 12 meses, 12 punchis. Ademais, de xeito paralelo cada mes promocionamos un tema e facemos un videoclip. Así, aquí presentaremos o tema e o vídeoclip do mes de agosto”.

Por último, o mánager de Medomedá, José Manuel Piedra Silva, resaltou que “neste festival presentaremos o novo disco que publicamos despois dun ano sabático. Estamos moi contentos de poder actuar no Millarock. Este ano temos catro concertos e eliximos que un deles fose no Milladoiro porque estaremos coma na nosa casa”.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Millarock con Heredeiros, Compañía do Ruído, F. Caamagno y Medomedá"