Pestanas principais

Habilitarase un servizo de autobús gratuíto para acudir ás “Noites en Vela” deste 2025

Venres, 04 de xullo de 2025

Os departamentos de Cultura do Concello de Ames e Negreira organizan unha nova edición das “Noites en Vela”, un evento que vincula aos dous concellos anualmente desde 2016 e que ten como punto de encontro a paraxe natural e monumental de A Ponte Maceira. Como novidade nesta edición, habilitarase un servizo de autobús gratuíto que sairá ás 20.00 horas desde O Milladoiro e realizará parada en Bugallido, Agro do Muíño e Bertamiráns. A volta será unha vez remate a velada. As persoas interesadas en empregar este servizo deberán enviar un correo ao enderezo electrónico gabinete@ames.gal indicando nome, apelidos e un teléfono de contacto, ou chamar ao número 881 074 730. 

O vindeiro sábado 19 de xullo, A Ponte Maceira acollerá unha nova edición das “Noites en Vela”, un evento que xa é toda unha tradición e que vincula anualmente aos concellos de Ames e Negreira. Como novidade deste ano, habilitarase un servizo de autobús gratuíto que percorrerá O Milladoiro, Bugallido, Agro do Muíño e Bertamiráns. Deste xeito, preténdese facilitar á asistencia ao evento, así como evitar a masificación de vehículos particulares en A Ponte Maceira, lugar declarado ben de interese cultural (BIC). 

A hora de saída do autobús será ás 20.00 horas desde O Milladoiro, e realizará paradas nas localidades mencionadas anteriormente, ata chegar A Ponte Maceira. A saída será unha vez remate a velada. As persoas interesadas en empregar este servizo deberán enviar un correo ao enderezo electrónico gabinete@ames.gal indicando nome, apelidos e un teléfono de contacto, ou chamar ao número 881 074 730. 

As Maianas e Caamaño & Ameixeiras
Neste 2025, os grupos encargados de amenizar a noite do 19 de xullo en A Ponte Maceira serán “As Maianas” e “Caamaño & Ameixeiras”. 

A agrupación de cantareiras “As Maianas”, formado en Ames no 2007, destacan pola súa proposta con temas de composición propia nos que empregan sons e ritmos da música tradicional galega nos que se valen de instrumentos coma as pandeiretas, cunchas ou a propia percusión corporal. 

Pola súa banda, “Caamaño & Ameixeiras” é un dúo formado en 2018 composto por Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras moi ligado tamén á música e baile tradicional. Na actualidade contan con prestixio tanto a nivel nacional coma internacional. Tomando como partida inicial sons populares da nosa terra, este dúo crea pezas de composición propias cun selo moi persoal nas que mesturan o tradicional con recursos máis contemporáneos. 

A actividade é de balde. Para coñecer máis información pódese contactar co Concello de Ames escribindo ao enderezo electrónico cultura@concellodeames.gal ou co de Negreira, escribindo a marcos.perez@concellodenegreira.es.

Habilitarase un servizo de autobús gratuíto para acudir ás “Noites en Vela” deste 2025