Pestanas principais

Grandes resultados dos atletas do MillaRaio no XV Campionato de España Cadete

Venres, 15 de xullo de 2016

[15-07-2016] Seis atletas do club amesán MillaRaio competiron a pasada fin de semana no XV Campionato de España Cadete de atletismo. Víctor Mosteiro, Mateo García, Pablo Fernández, Andrea Botella, Diego Alonso e Roberto Vieiro participaron en varias das probas celebradas ao longo do sábado 9 e o domingo 10 en Granollers. Se ben ningún dos deportistas conseguiu subirse ao podio superaron as súas marcas persoais e acadaron grandes resultados para o club.

Por mor das baixas a última hora os atletas do MillaRaio non puideron competir na proba de relevo 4x100, para a que se clasificaran entre os oito mellores equipos de España. Non obstante si que o fixeron en varias probas individuais. Na proba de xavelina participaron Andrea Botella, que acadou a 10ª posición superando a súa marca persoal, e Pablo Fernández, que rematou na 9ª posición. Nos 1500 metros obstáculos Diego Alonso permaneceu entre os primeiros postos ao longo dos primeiros 1000 metros na proba, descendo uns segundos ao achegarse á meta e obtendo o 9º posto. Víctor Mosteiro participou na proba de pértega e na de 100 metros lisos, na que chegou ata a semifinal acompañado polo seu compañeiro Mateo García.

Pola outra banda, Roberto Vieiro conseguiu o mellor resultado da historia do MillaRaio nun campionato nacional: acadou a quinta posición na proba de 5 km marcha. O atleta encabezou a marcha en varias ocasións, conseguindo unha marca de 23.0, nunha proba con deportistas de moi alto nivel.

Este ano os atletas do MillaRaio conseguiron grandes resultados, non só na categoría cadete, senón no resto delas. Ademais dos seis representantes que acudiron ao Campionato Nacional en Cadete, no Campionato Nacional Infantil participaron tres atletas do club: Dani Mato, Pablo Díaz e Deki Mato.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Excelente papel de los cadetes del Club MillaRaio en el Nacional de Granollers"