Pestanas principais

Gran éxito de público na oitava edición do Festival de Maxia de Ames

Martes, 17 de decembro de 2013

[17-12-2013] As localidades de Bertamiráns e do Milladoiro acolleron durante a fin de semana pasada o festival de maxia organizado pola Concellaría de Cultura ao que asistiron máis de 800 persoas. Ademais, o Concello de Ames organizou unha programación especial para os centros de ensino amienses, que se enmarcou dentro da oitava edición do Festival de Maxia. A través desta iniciativa un total de 3.094 alumnos e alumnas de Ames puideron gozar dos espectáculos dos magos Rafa e Lamas. Esta iniciativa achegou á cidadanía amiense o espectacular mundo dos magos. Ilusionistas nacionais e internacionais sorprenderon e entretiveron a adultos e nenos/as cos seus trucos de maxia, entre os que se atoparon o escapismo ou a levitación.

Na localidade de Bertamiráns o Festival de Maxia celebrouse o sábado 14, mentres que no Milladoiro realizouse o domingo 15 de decembro. Nos obradoiros impartidos por magos participaron un total de 100 rapaces e rapazas, mentres que ás Galas Máxicas asistiron 436 persoas. Polas carpas do misterio, que estiveron instaladas na rúa, calcúlase que pasaron preto de 200 nenos/as e adultos.

A concelleira de Cultura, Maria Eugenia Martín, destacou “a boa saúde da que dispón este festival de maxia, xa que foron moitos os nenos/as e adultos que se achegaron ás Casas da Cultura de Bertamiráns e Milladoiro para participar nos obradoiros de maxia e asistir á Gala Máxica. Vendéronse todas as entradas que estaban á venda e incluso houbo xente que non puido asistir a estes espectáculos porque non había máis aforo nos auditorios. Iso é unha clara mostra do éxito que tivo este festival”.

Os espectáculos de maxia tamén se desenvolveron en diversos bares de Ames. A Concellaría de Cultura, en colaboración coa Concellaría de Comercio e Promoción Económica, organizaron o programa Maxia de Preto. A través desta iniciativa desenvolvéronse unha serie de pequenas actuacións e xogos de maxia nalgúns establecementos hostaleiros de Bertamiráns e do Milladoiro. Este programa tivo moi boa aceptación entre a clientela dos bares amiense.

A Carpa do Misterio, que estivo instalada na praza da Maía, situada en Bertamiráns, e na praza de Manuel Murguía, situada no Milladoiro, tamén tivo un gran éxito e por ela pasaron preto de 200 nenos/as e adultos. Nesta carpa desenvolvéronse diferentes actuación de maxia tanto o sábado 14 coma o domingo 15, en horario de 16:30 h a 18:00 horas. En cada localidade realizáronse tres pases para que a veciñanza amiense puidera gozar da maxia de rúa.

Por último, a Gala Máxica foi o espectáculo que máis expectación espertou entre a veciñanza amiense. Tanto o sábado coma o domingo enchéronse os auditorios das Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Un total de 436 persoas asistiron ás Galas Máxicas que estiveron presentadas polo mago Karim. Ademais, nestes espectáculos participaron Juan Mayoral, Huang Zheng, Dani Polo e o Mago Sun.

Espectáculos de maxia nos colexios amienses
Por outra banda, o Concello de Ames organizou unha programación especial para os centros de ensino amienses, que se enmarcou dentro da oitava edición do Festival de Maxia. A través desta iniciativa un total de 3.094 alumnos e alumnas de Ames puideron gozar dos espectáculos dos magos Rafa e Lamas. Esta programación de maxia desenvolveuse ao longo da semana pasada (entre o luns 9 e o venres 13 de decembro) no CEIP A Maía; no CEIP de Barouta; nos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro; na Escola de educación infantil do Milladoiro; nas escolas unitarias de Agrón, Tarroeira, Guimaráns e Covas; no colexio Alca; no CEP de Ventín e no CEIP Agro do Muíño. Todo o alumnado que cursa estudios nos centros de ensino de Ames acudiu a estes espectáculos de maxia, agás os alumnos/as de bacharelato dos institutos que acudiron a ver a obra de teatro "O home almofada" da compañía Ilmaquinario Teatro.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Gran éxito de público na oitava edición do Festival de Maxia de Ames"
La Voz de Galicia: "El Festival de Maxia de Ames reunió a más de 800 personas"