Pestanas principais

Goberno municipal e oposición ultiman o borrador dos pregos técnicos e administrativos do ciclo integral da auga

Xoves, 25 de febreiro de 2016

[25-02-2016] O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta semana unha nova reunión da comisión do ciclo integral da auga. Nesta ocasión o goberno municipal mantivo unha xuntanza cos grupos políticos da oposición para presentarlle e facerlle entrega do último borrador dos pregos técnicos e administrativos que rexerán o concurso público do ciclo integral da auga. Anteriormente, xa se lle presentou a estes mesmos grupos un borrador previo sobre o que puideron traballar de cara a esta última xuntanza. Nesta ocasión estiveron presentes os responsables da empresa Idom Ingeniería y Consultoría S.A. para resolver as dúbidas que puidesen xurdir sobre este tema.

A comisión do ciclo integral da auga segue avanzando para sacar adiante o concurso público para licitar un novo contrato do servizo de saneamento e abastecemento de auga de Ames. Este grupo de traballo que recuperou o actual goberno mantivo esta semana unha reunión para presentarlle aos grupos da oposición o último borrador dos pregos técnicos e administrativos que rexerán o devandito concurso público. Cada grupo político foi revisando punto por punto o documento facendo as súas achegas e plantexando as dúbidas que foron contestadas por parte do goberno municipal e da empresa Idom Ingeniería y Consultoría SA, que foi a encargada de redactar os pregos.

O alcalde de Ames, José Miñones, explicou que “a información trasladada e as achegas dos grupos políticos da oposición serán refundidas nun texto final que agardamos que poida ser presentado o antes posible nunha nova xuntanza desta comisión”. O goberno municipal agarda poder pechar o documento final que recolle os pregos técnicos e administrativos na próxima xuntanza, para poder levalo ao Pleno o máis axiña posible e publicar o anuncio de licitación.

Miñones agradeceu “a participación dos grupos políticos municipais e o traballo realizado na procura de mellorar estes pregos que cremos que son completos e detallados e que permitirán mellorar o servizo que se viña prestando no noso concello. Ademais, durante estes días váiselle enviar aos grupos da oposición o estudo económico-financeiro e na seguinte reunión da comisión tamén se dará traslado do estudo das tarifas que queremos levar a cabo primando o aforro de auga”.

Declaración do estado de emerxencia do ciclo integral da auga
Na actualidade a UTE Acciona Agua Espina Servicios segue prestando este servizo, despois de que a comezos do pasado mes de novembro a Xunta de Goberno Local aprobase a declaración do estado de emerxencia do Ciclo Integral da Auga.

Cómpre lembrar que o pasado 31 de outubro rematou o contrato coa UTE Acciona Agua Espina Servicios, que tivo a concesión do Ciclo Integral da Auga dende o mes de febreiro de 2015. Debido a iso, a Xunta de Goberno Local decretou o estado de emerxencia para que se siga prestando o devandito servizo, nas mesmas condición que se fixo ata este momento, ata que se resolva o novo proceso de licitación e sexa efectiva a adxudicación a unha nova empresa.