[05-01-2012] Hoxe rematou o Nadal Lúdico de Ames, un programa que se desenvolveu dende os día 22 de decembro en horario de 7.30h. a 16.30 horas. Uns 240 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos participaron neste programa de conciliación da vida laboral e familiar. Coas festas de Nadal chegaron as vacacións para os máis pequenos e moitas nais e pais acóllense ao Nadal Lúdico, un servizo que ofrece o Concello para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar. Despois de facer numerosas actividades coma celebrar fin de ano, participar en numerosos obradoiros, contacontos ou ver películas entre outras, hoxe chegou ao seu fin unha edición máis de Nadal Lúdico.
Os nenos e nenas de Milladoiro de 3, 4 e 5 anos viron unha película á primeira hora, para logo cantar panxoliñas, xogar facendo globoflexia e deixar que as profesoras lles pintasen a cara con motivos coloridos e alegres. Os nenos e nenas máis maiores puideron saír ás pistas descubertas que hai ao carón do pavillón municipal de Milladoiro. Alí xogaron, fixeron globoflexia e participaron nun taller de pintura para a cara.
Os rapaces e rapazas que participan no Nadal lúdico en Bertamiráns puxeron fin a unha nova edición deste programa de conciliación da vida familiar e laboral con obradoiros, xogos, panxoliñas e vendo unha película. Durante as primeiras horas os nenos/as de segundo ciclo de primaria realizaron varios xogos nas pistas polideportivas do CEIP A Maía, mentres que os máis pequenos (nenos/as de 3, 4 e 5 anos) participaron nun obradoiro de globoflexia, remataron as actividades que lle quedaban pendentes desta semana e cantaron varias panxoliñas. Trala merenda e como punto e final a este programa lúdico os rapaces e rapazas puideron ver o filme de animación Toy Story 2. Deste xeito ponse punto e final a unha nova edición do programa Nadal lúdico que contou cunha alta participación (arredor de 240 nenos/as).
O programa desenvolveuse dende o día 22 de decembro ata o 5 de xaneiro en horario de 7.30 h ata 16.30 horas. En Bertamiráns os nenos e nenas acudiron ao CEIP A Maía e, no Milladoiro, os nenos e nenas de educación infantil foron á EEI Milladoiro e os de educación primaria ao polideportivo. Nos lúdicos desenvolvéronse actividades e obradoiros que tiveron por obxectivo ocupar o tempo de lecer dos máis cativos e cativas dun xeito divertido e educativo e permitindo a nais e pais conciliar o seu traballo coas vacacións dos seus fillos/as.




