[29-04-2016] Varios clubs deportivos de Ames unen forzas este domingo, 1 de maio, para organizar unha gala benéfica no pavillón municipal do Milladoiro. O obxectivo é recadar fondos para axudar á familia de Matías, un rapaz de 8 anos, veciño do Milladoiro afectado dende o seu nacemento por unha parálise cerebral. Matías ten que someterse a unha custosa operación para non perder mobilidade, e varios clubs de Ames queren axudar a sufragar esta intervención cirúrxica.
A SD Milladoiro, o club de patinaxe Omega e a AD Básquet de Ames son os responsables da organización deste evento solidario. Cita tamén deportiva, xa que as rapazas e os rapaces que adestran nestas entidades deportivas son os que ocuparán o pavillón con demostracións e partidos. Outros equipos da contorna, como o Santiago Futsal ou clubs de baloncesto de Porto do Son ou de Noia, achegaranse ata O Milladoiro para colaborar. As xogadoras do Meigas CF tamén porán o seu gran de area, disputando un dos partidos da gala. As patinadoras do club Omega clausurarán a xornada coa actuación "Onde está Wally?".
O evento comezará ás 10:00 horas, estando prevista a hora do remate en torno ás 20:00 horas. Unha cantina permanecerá aberta durante todo o día, e a recadación destinarase así mesmo á familia de Matías. Ademais haberá inchables para as nenas e nenos pequenos no exterior do pavillón, grazas á colaboración da empresa Atraccións Ofelia.
A entrada para o evento ten un custo de tan só un euro, e xa está a venda e pódese adquirir no campo de fútbol do Milladoiro, na cafetería "Entre vinos y tapas", no bar "Adega", na cafetería "Teuve" e no bodegón "Rey", situado no barrio de Vista Alegre en Santiago de Compostela. A través da compra de entradas poderase participar nun sorteo de varias camisetas asinadas, doadas polo xogador Fernando Torres do Atlético de Madrid, o equipo do FC Deportivo e polo xogador Manu Barreiro, do Deportivo Alavés. Os nomes das persoas gañadoras do sorteo publicaranse na páxina de Facebook da SD Milladoiro.
Os tres clubs amesáns animan ás familias a achegarse este domingo, 1 de maio, ao pavillón municipal de O Milladoiro. Outra opción é mercar as entradas, participando así no sorteo das camisetas.
A secretaria do Club de patinaxe Omega, Anahí Sotelo, o adestrador da AD Básquet Ames, José Luís Penas, e o presidente da SD Milladoiro, Vicente González, coinciden en que esta é unha gran oportunidade para axudar a Matías, consolidando ademais a transmisión de valores positivos aos rapaces e rapazas que adestran con eles, ao facelos partícipes deste evento solidario. A familia de Matías, especialmente a súa nai Milagros, agradece o traballo da organización e a participación de todas as persoas que fan posible esta gala.
Outras iniciativas para axudar a Matías
A familia de Matías puxo en marcha fai uns anos a campaña “Tu ayuda=mi ilusión” de recollida de tapóns. Os tapóns de plástico son vendidos a unha empresa de reciclaxe. Os pais de Matías están na actualidade no paro, polo que precisan axuda para costear as operacións e distintas terapias que o axudan a mellorar a súa calidade de vida. Recentemente o terapeuta de Matías correu unha maratón na Coruña para axudar ao seu paciente a acadar os cartos necesarias para a próxima intervención á que se someterá.





