[29-06-2016] Este xoves, 30 de xuño, ás 18:00 horas, a Fundación Meniños ofrece no Pazo da Peregrina de Bertamiráns unha sesión informativa para persoas interesadas no programa de adopcións especiais. Previamente, esta organización realizou esta mesma charla en Vigo, Ourense e Cee. Actualmente, a través deste programa estase apoiando a 7 familias con 17 nenos e nenas en proceso de adopción, mentres que 7 nenos e nenas están á espera de atopar unha familia adoptiva.
A Fundación Meniños é unha entidade de acción social dedicada a promover os dereitos da infancia en dificultade social propiciando cambios que lles aseguren un ambiente familiar de seguridade e afecto. Dende hai 20 anos desenvolven programas especializados en intervención familiar e de prevención e sensibilización orientados ao ámbito da infancia e familia.
O programa de adopcións especiais é un servizo concertado coa consellería de Política Social da Xunta de Galicia, cuxo obxectivo é dar resposta á necesidade de garantir aos nenos e nenas con necesidades especiais o seu dereito a medrar nunha familia, promover a adopción de nenas, nenos e adolescentes tutelados pola Xunta de Galicia que polas súas características teñen máis dificultade para poder exercer o seu dereito a vivir en familia (grupos de irmáns, nenas ou nenos con algún tipo de discapacidade, enfermidade crónica, etc.). Esta entidade desenvolve este proxecto en toda a comunidade galega.
Na actualidade, algúns nenos, nenas e adolescentes que se atopan residindo en centros de protección teñen unha maior dificultade para atopar unha familia por presentar necesidades especiais (por exemplo, adolescentes, grupos de tres ou máis irmáns e /ou irmás, nenos ou nenas con discapacidade ou enfermidade, e en xeral que se atopen nunha circunstancia que poida dificultar a súa adopción).
En Meniños búscanse familias dispostas a ofrecerlle a un neno, nena ou adolescentes un ambiente familiar estable e seguro. A intención coas charlas informativas é sensibilizar á sociedade con estas dificultades, dar a coñecer o programa, e así chegar a persoas que poidan estar interesadas en acercarse ao mesmo. Ofrecen ás familias información, formación orientación acompañamento e apoio técnico durante todo o proceso.
Neste programa actualmente están apoiando a 7 familias con 17 nenos e nenas en proceso de adopción, mentres que 7 nenos e nenas están á espera de atopar unha familia adoptiva. É preciso canalizar o desexo de adopción de moitas persoas para facilitarlla a estes nenos e nenas que están agardando unha familia e se atopan en condicións de maior fraxilidade.
Para obter máis información ou inscribirse neste programa de adopcións pódese chamar aos números de teléfono 981 26 99 55 ou 678 75 23 93. Outra opción é enviar un correo electrónico ao enderezo adopcion.especial.t1@meninos.org. Tamén se pode entrar na páxina web www.meninos.org
Contido relacionado

El Correo Gallego:"Meniños impulsa en Ames las adopciones especiales"




